Trece escolas de hostalería e 14 baristas profesionais competirán nos certames do IES de Foz

Alumnado de segundo de Realización do Servizo de Audiovisuais da Deputación retransmitirá o evento en streaming

Presentación do evento. AXM

O Servizo de Audiovisuais da Deputación Provincial de Lugo emitirá en directo, do 13 ao 15 de febreiro, o décimo segundo Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, o sétimo Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería e a sétima edición do Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que organiza o IES de Foz.

Alumnado de realización, baixo a supervisión de docentes e técnicos, serán os encargados do streaming. Así, expón o presidente do goberno provincial, Darío Campos, “continuamos coa frutífera colaboración que mantiveron durante dez anos a Fundación TIC e o instituto mariñao”.

Campos subliña que esta colaboración “vai máis aló do ámbito formativo, xa que grazas a esta emisión daremos proxección nacional e internacional tanto ao concello de Foz como ás competicións”.

Este ano participarán no campionato trece escolas de hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León, e 14 profesionais de gran nivel, algúns deles saídos do centro de Foz.

o concurso reunirá escolas de galicia, asturias, cantabria, euskadi e castela e león

PRÁCTICAS

Para o alumnado de segundo de Realización, a emisión en directo servirá de práctica nun escenario realOs estudantes empregarán catro cámaras e rotarán por todos os postos necesarios para unha retransmisión por streaming: operador de cámara, mesa de son, grafismo, fotografía, axudante de realización e realización.

Terán que enfrontarse aos problemas que sempre xorden nunha emisión destas características. É dicir, deberán asumir as mesmas situacións que atoparán cando accedan ao mercado laboral. E este ano, cun novo reto: o cambio de localización, xa que o pavillón é un espazo máis grande que o salón de actos, o que fai necesario unha planificación diferente”, precisa Campos.

HORARIOS

Podes consultar aquí o programa do encontro. Ademais, o xoves -ás 13.00 horas- haberá unha demostración de coctelería de autor a cargo de Bartender Pernod Ricard.

O venres, ás 14.00 horas, celebrarase a conferencia ‘O márketing na hostelería, a cargo de Juan Pedro Holgado, Key Account Manager OOH de Lotus Bakeries España.

“REFERENTE ESTATAL”

Durante a presentación, Campos Conde estivo acompañado polo director do IES de Foz, Nicolás Asensio, o profesor Marcos Santamaría e os alumnos José Miguel Bodenlle e Francisco José García, que representarán ao centro focego nos Campionatos Internacionais de Baristas e de Catas de Cafés de Escolas de Hostalaría.

Eles foron os encargados de preparar unha degustación de cafés. “Demostran por que o IES de Foz é un centro de referencia nesta materia e por que teñen saído del algúns dos mellores profesionais a nivel nacional”, apuntou o responsable do executivo provincial.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here