A Mariña non poderá plantar pataca alomenos ata 2020

A Xunta recoñece que a veda que remataba en marzo "prolongarase" ao aparecer exemplares de couza guatemalteca nas trampas

Patacas. AXM

EFE. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou que a prohibición de plantar patacas nos 33 municipios galegos afectados pola praga da couza guatemalterca será prorrogada, a pesar de que o decreto ministerial fixaba inicialmente dous anos de corentena, que se cumprirán “o vindeiro 5 de marzo“.

Ás preguntas dos xornalistas, Balseiro recoñeceu que “neste intre non se dan as condicións para levantar as restricións impostas”, dado que a praga “non está erradicada en todos os municipios” e a veda “non será suspendida ata que deixen de aparecer capturas nas trampas colocadas”.

“É certo que o decreto del Ministerio fixaba dous anos de prohibición, pero as restricións prolongaranse durante un tempo indefinido“, engadiu o delegado territorial, “por prudencia“. Neste sentido, lembrou que “de nada serviría levantar a veda e que e nun ano volva aparecer esta praga”.

Balseiro asegurou que “os expertos insisten en que se non hai patacas, a couza non pode reproducirse”, de xeito que, argumentou, “está nas nosas mans acabar coa praga“.

CONTROIS

O representante da Xunta precisou que en marzo haberá controis, “como se fixo até agora”, e que as multas serán de 3.000 euros para as persoas que non fagan caso da prohibición.

Polo de agora, son 15 as persoas multadas por cultivar os tubérculos a pesar da prohibición.

TODA A MARIÑA, AFECTADA

Dos 33 municipios afectados, 18 son lucenses, ademais doutros nove nesa provincia que actúan como “tampón” ante a praga e nos que só se pode plantar pataca con permiso da administración.

Abadín, Alfoz, A Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove son os concellos lucenses afectados pola couza guatemalteca.

Xermade, Muras, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín e Fonsagrada son os concellos considerados dentro da “área tampón” na provincia de Lugo.

DESDE MARZO DO 2017

A prohibición de plantar pataca remóntase a marzo do 2017. O Real Decreto da Xunta prohibía cultivar o tubérculo nas zonas afectadas pola praga nun período de dous anos, que remataba en marzo, pero a aparición recente de exemplares de couza guatemalteca nas trampas prolongará a veda.

Así, neste 2019 tampouco se poideron plantar as patacas de cedo, tralo Nadal, nin se poderán plantar en marzo ou abril, para a súa recolleita no verán.

Así, ráchanse as previsións do Goberno galego, que foi criticado polo Sindicato Labrego Galego, que cuestionou “o optimismo” do Executivo autonómico e esixiu “datos oficiais” de medidas e prazos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here