Adega cre que a absolución do alcalde de Barreiros é “un aval ao todo vale” en urbanismo

O colectivo ecoloxista cre que o fallo "abre a porta á impunidade", mentres que o rexedor lamenta que "perdeuse moito emprego porque a xente deixou de investir"

Praia de Lóngara. AXM.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), que exerceu a acusación particular no xuízo por prevaricación urbanística en Barreiros, presentará recurso ante a Audiencia Provincial de Lugo contra a sentenza que absolve ao alcalde, Alfonso Fuente Parga, a cinco edís do equipo de goberno de 2006 e á arquitecta municipal.

O colectivo entende que o fallo ditado polo maxistrado do Xulgado do Penal nº 2 de Lugo, Alfonso Jiménez Marín, ten “eivas” que xustifican a instancia a un órgano xudicial superior.

SENTENZA “TÉCNICA”

A asociación ecoloxista considera que o tribunal “derivou a controversia cara a unha cuestión técnica” en relación coa definición de solo urbano consolidado ou non consolidado que, ao seu xuízo “está claro desde a Lei do Solo de 1956”.

A este respecto, manteñen que os terreos sobre os que se outorgaron as licenzas non contaban coa “suficiencia de servizos” que, entenden, se requerirían para seren considerados solares.

Os ecoloxistas insisten en que o convenio asinado en 2014 entre a Xunta de Galicia, a Deputación e mais o Concello, que consignaba 14 millóns de euros para dotar de “servizos básicos as promocións”,  probaría ese extremo, ademais de “demostrar” que  goberno municipal “era consciente da ilegalidade” das actuacións.

Adega cuestiona tamén a análise que o xuíz fai dos testemuños dos técnicos e critica que lle dese “menor valor” ás declaracións de funcionarios da Axencia Galega  de Protección da Legalidad Urbanística (Aplu) que ás de “enxeñeiros técnicos de menor cualificación”.

O colectivo entende ademais que a sentenza elude pronunciarse sobre “accións presuntamente delictivas” como “o falseamento das alturas das edificacións ou a construción dos sotos dos edificios sobre a rasante da vía pública como se fosen planta baixa” e critica que as licenzas “non se analizaran caso por caso”.

Froilán Pallín, secretario xeral de Adega, xunto a Fins Eirexas

“PRECEDENTE NEFASTO”

O secretario xeral da organización ecoloxista, Froilán Pallín, incidiu en que, de converterse en firme, a sentenza sentaría un “precedente nefasto para o ordenamento territorial en todo o país” xa que -sostivo- avala a idea do “todo vale” e “abre a porta á impunidade”.

“Transmite a mensaxe de que os que incumpren a lei por non ter adaptado o seu planeamento teñen maior capacidade para manobrar urbanísticamente”, engadiu.

“Na práctica resultaría imposible esixir responsabilidades penais por incumprimento da lexislación a funcionarios ou cargos políticos”, concluíu.

Con todo, o activista sinalou que o procedemento chegara a vía penal ao esgotarse a vía do contencioso administrativo unha vez que, en 2010, a Xunta de Galicia -presidida por Alberto Núñez Feijóo– desistiu dos recursos presentados contra as licenzas por o goberno autonómico do bipartito en 2007.

O PXOM, PARA “PRINCIPIOS DA PRÓXIMA LEXISLATURA”

Pola súa banda, o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, sostén que a “maraña xudicial tras a paralización do urbanismo por parte do bipartito” causou prexuízos “irreparables” para o municipio.

“Devaluáronse os terreos, perdeuse moito emprego na construción e na hostalería porque a xente deixou de investir en Barreiros, algúns compradores depositaron cantidades que logo non puideron recuperar”, enumerou o rexedor que se considera respaldado pola veciñanza. “Iso a xente sábeo”, sentenciou.

Ademais, Fuente Parga confirmou a intención de aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) “a principios da próxima lexislatura”.

A lexislación vixente no concello en materia urbanística seguen a ser as Normas Subsidiarias de Planeamento Urbanístico de 1995.

CASE 2.000 VIVENDAS PARADAS

Segundo expuxo o tenente de alcalde de Barreiros no diario El Progreso, das case 3.000 vivendas autorizadas por parte do goberno local nese 2006, municipio ese mesmo ano estímase que só hai 997 construídas e habitadas, 332 acabadas e sen vender, 587 en estrutura e 951 sen iniciar.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here