InicioM.ambiente e PatrimonioRibadeo dá seis meses de prazo para as axudas para rexenerar vivendas...

Ribadeo dá seis meses de prazo para as axudas para rexenerar vivendas nos cascos da vila e Rinlo

O Concello permite concorrer no concurso de subvencións das Áreas de Rehabilitación Integral a quenes queiran destinar os inmobles a alugueiro ou segunda residencia

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo abriu un prazo de seis meses para a solicitude de subvencións para a rexeneración de vivendas e espazos públicos nas Áreas de Rehabilitación Integral (Ari) de Rinlo e da capital municipal ribadense.

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, asegura que “abrimos bastante o abano, ata o mes de agosto, por consideralo necesario para tramitar as diferentes autorizacións, tanto de Patrimonio como municipais”.

O Concello tamén abriu unha porta para todos aqueles interesados en rehabilitar vivendas que non son o primeiro lugar de residencia familiar. Así, aqueles titulares que queiran destinar os inmobles a alugueiro ou a segunda residencia tamén poderán solicitar as axudas.

En todo caso, o arrendamento deberá cumprir un prazo non inferior a cinco anos.

Suárez Barcia sinala que “queremos que, unha vez feitas as obras de rehabilitación, estas non supoñan a obriga de destinar esta a vivenda habitual e permanente. Aínda que”, explica, “loxicamente estas vivendas gozarán dun importe menor de subvención”.

CONTÍAS

No tocante á contía das axudas, a subvención mínima é do 50% da obra, e as máximas poden alcanzar, en casos excepcionais de persoas cunha situación económica ou familiar complicada, o 75%.

A SUBVENCIÓN MÍNIMA SERÁ DO 50% DA OBRA E AS MÁXIMAS, EN CASOS EXCEPCIONAIS, PODERÁN ALCANZAR O 75%

Para calcular o importe das subvencións débese ter en conta de que os límites das mesmas oscilan entre os 12.000 e os 16.000 euros.

Dentro das actuacións que poden resultar obxecto de subvención, o goberno inclúe obras de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade de vivendas. Tamén entran dentro da convocatoria intervencións para a conservación e seguridade dos inmobles, así como para a súa accesibilidade, mantemento ou adecuación aos estándares da normativa vixente.

EXCLUÍDOS

Segundo a convocatoria, non poderán obter financiamento as persoas que se beneficiasen das axudas dos programas de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas; do plan para a conservación, a mellora de seguridade e accesibilidade de inmobles, dos proxectos para promocionar o parque de vivenda en alugueiro e para persoas maiores e persoas con discapacidade, do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021.

OBRIGAS

Os beneficiarios terán as obrigas de realizar a totalidade das actuacións de rehabilitación para as que se concedeu a axuda, de conformidade coa resolución de cualificación provisional; de comunicar ao Concello calquera modificación das condicións que motivaron o recoñecemento e de someterse ás comprobacións do Instituto Galego de Vivenda e Solo e máis do goberno ribadense.

Podes consultar as bases, publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP), neste enlace.

CARTAS INFORMATIVAS

O goberno local ribadense está a enviar aos propietarios de inmobles nestas áreas un total de 1.800 cartas informativas, para que os posibles beneficiarios coñezan as axudas e o protocolo para solicitalas.

FINANCIAMENTO

Suárez Barcia resalta que Ribadeo é o concello de Lugo que máis cartos recibe para rehabilitacións dentro do Plan Vivenda 2018-2021, máis de 1,1 millóns de euros, “200.000 euros máis do que percibe, por exemplo, o municipio da capital provincial”.

CON MÁIS DE 1,1 MILLÓNS, RIBADEO É O MUNICIPIO DE LUGO CUNHA MAIOR CONTÍA PARA AXUDAS

Para as rehabilitacións, entre os particulares, a Xunta de Galicia e o Goberno central achegarase un total de 807.000 euros; para a reurbanización de espazos públicos, goberno local e Estado custearán 180.000 euros, mentres que para o equipo técnico Executivo autonómico e mailo estatal farán un investimento de 177.000 euros. 

Así, afirma o rexedor, “temos moito diñeiro público e non queremos que se devolva nada, por iso lembramos aos titulares que poden vir á oficina de rehabilitación, que está no Concello, todos os días para pedir máis información”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...