Suso Peña será nomeado Fillo Predilecto de Ribadeo

O Concello levará ao pleno da vindeira semana a proposta, impulsada por 17 asociacións

Ilustracións de Suso Peña. AXM

O Concello de Ribadeo levará ao próximo pleno, que se celebrará o vindeiro martes, unha moción para o nomeamento de Suso Peña como Fillo Predilecto do municipio.

A proposta parte do tecido asociativo ribadense. Un total de 17 colectivos solicitaron a distinción para o artista, falecido no 2005 e que conta cunha rúa ao seu nome na vila desde o ano seguinte ao seu pasamento.

Nacido en Ribadeo no 1941, Peña formou parte do Grupo La Floresta, na Barcelona de finais dos anos 60. O ilustrador ribadense traballou durante 25 anos para axencias de banda deseñada de ciencia ficción e aventuras, tanto en Europa como en América.

A asociación Tá en Artes dedicará este ano 2019 á figura do debuxante, fotógrafo e docente ribadense. O colectivo impulsará actos e exposicións que podes consultar neste enlace.

A agrupación cultural Tá en Artes, que dedicará a súa programación no 2019 ao ilustrador, indicou que uns 17 colectivos solicitaron a distinción para o artista.

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, sinala que non só “numerosas asociacións tanto da vila como da comarca, senón tamén moitas persoas a título individual viñeron demandando isto e o Concello proporémolo ao pleno para que tome posición sobre este asunto”.

Coa posición favorable do goberno local, todo parece indicar que a proposta sairá adiante por unanimidade, dado o gran respaldo social co que conta a iniciativa.

PLAN DE CAMIÑOS NO RURAL

Na vindeira sesión plenaria tamén se tratará un expediente de modificación de crédito por un montante de 300.000 euros. Entre as obras que aspira a acometer, o goberno local cita “un ambicioso plan de camiños no rural, dividido nas parroquias da costa e do interior”.

O Concello está a redactar este proxecto, e tamén prevé custear con este remanente obras con procesos de licitación “moi avanzados”, como as da rúa Carlos III e Sor Pilar der León, ou ben as do camiño de A Faxarda ao cemiterio de Ribadeo, que comezarán “nos vindeiros días”, sinala o rexedor.

Tamén se analizará un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 106.000 euros para pagar facturas pendentes do pasado exercicio, así como unha modificación de suplemento de crédito para unha subvención a Acisa destinada a unha campaña de apoio ao comercio.

O pleno tamén debaterá a adhesión do municipio a un pacto de concellos impulsado pola Unión Europea para o clima e a enerxía.

TERRAZAS

O Concello aprobou o padrón da taxa de terrazas do exercicio 2019, que reportará ás arcas municipais 21.779 euros.

Un total de 50 hostaleiros terán un período de pagamento en voluntaria que rematará o vindeiro 15 de abril.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here