IniciosociedadeBarcia descarta usar o Fondo de Cooperación para o Pepe Barrera e...

Barcia descarta usar o Fondo de Cooperación para o Pepe Barrera e Vega promete o arranxo “este ano”

O alcalde de Ribadeo lembra que a contía "é para servizos básicos", mentres que o candidato do PP asegura que faría a obra "no segundo semestre" do 2019

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo e mailo PP polemizaron de novo polo financiamento do proxecto de rehabilitación do campo de fútbol Pepe Barrera, que ascende a 421.000 euros.

O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, instou por escrito á Xunta de Galicia a achegar “un terzo” do orzamento, como se comprometeron os gobernos local e provincial, mentres que o candidato dos populares á alcaldía, Daniel Vega, prometeu a obra para “o segundo semestre do ano, con cargo ao Fondo de Cooperación Local.

Na utilización deste recurso reside a polémica que enfronta a Concello e Xunta. O Goberno galego négase a achegar máis de 46.000 euros no 2019 para a obra, como lle pide o executivo local, e insiste en que o Concello de Ribadeo pode financiar as actuacións con cargo ao Fondo de Cooperación Local, cunha dotación de 425.000 euros para o municipio.

O candidato popular, Daniel Vega, reiterou esta proposta e prometeu que, de ser elixido alcalde, executará a obra “no segundo semestre do ano”.

O alcaldable dos conservadores asegura que os deportistas usuarios do estadio, uns 150 tanto de categorías de base como sénior, “non merecen seguir soportando unhas instalacións que levan anos en malas condicións e esquecidas polo actual goberno local”.

Vega argumenta que “o Concello non necesita agardar máis para iniciar o proceso de contratación desta obra –licitación e adxudicación-” e sostén que existen “recursos suficientes” para acometer estes traballos, referíndose ao Fondo de Cooperación Local. “Permitiríanos afrontar en solitario as actuacións sen agardar pola caridade de ninguén”, indica.

O alcalde de Ribadeo considera esta proposta “unha falacia. O Fondo de Compensación Territorial, segundo di na propia Constitución, está para prestar servizos básicos e non para actuacións extraordinarias, como é este caso. O artigo 143 recolle que a suficiencia das facendas municipais débese garantir con tributos propios e na participación dos tributos do Estado e das comunidades autónomas”, precisa.

“SEN INVESTIMENTOS” DESDE 2009

Contra a argumentación de Vega de que o goberno local “esqueceu” o Pepe Barrera, Suárez Barcia asegura que a Xunta non fixo desde o 2009 ningún investimento en infraestruturas deportivas en Ribadeo”.

O alcalde de Ribadeo agarda “que non se castigue aos veciños de Ribadeo con respecto aos doutros concellos” e insta á Xunta a “formalizar un convenio para unha achega extraordinaria, porque se un ve o Diario Oficial de Galicia (DOG) pode atopar exemplos de acordos feitos con outros municipios”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...