PP e BNG acusan de “enganar á veciñanza” a Llano, que opta agora por arranxar Vista Alegre

A oposición de Burela lembra que o goberno local incumpre un acordo por unanimidade para a construción dun novo pavillón e o alcalde sinala que traballa "nunha solución de urxencia"

Encontro do Burela FS en Vista Alegre, coa parte sen grada á dereita. AXM

Partido Popular (PP) e Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Burela cargaron este xoves contra o alcalde, o socialista Alfredo Llano, ao que acusan de “mentir” e “enganar á veciñanza” ao incumprir o acordo plenario adoptado por unanimidade a instancias dos nacionalistas o pasado 7 de xuño, no que se cifraba en catro meses o prazo para a redacción do proxecto dun novo pavillón e a consecución dos terreos necesarios. O goberno local admitiu que traballa para arranxar o polideportivo actual, de Vista Alegre.

O acordo plenario da construción dun novo pavillón adoptouse ante os requisitos que a Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) pide ao CD Burela FS para competir na elite, e tamén ante a elevada demanda de instalacións deportivas no municipio, con numerosos clubs deportivos.

Os populares afirman que Llano “incumpre unha vez máis a súa palabra” e cuestionan o seu anuncio de remodelar Vista Alegre, lembrando que “as condicións impostas pola LNFS xa se coñecen dende o ano 2016. Nestes tres anos, puido xa estar remodelado, pero non se fixo nada”, aseguran.

SEN PARTIDA NO ORZAMENTO MUNICIPAL

O voceiro do PP na corporación municipal, Chema González Barcia, cre que o alcalde “debe pedir perdón á familia do deporte” polo “seu incumprimento” e explicar “polo miúdo con que prazos xoga para a remodelación de Vista Alegre”. Neste senso, sinala que “o Concello só dispón de 35.000 euros para instalacións deportivas no orzamento do presente ano 2019”.

O PP de Burela sostén que Llano “mentiu esta vez, como noutros moitos asuntos como a ubicación do mercado, o plan de tráfico, a traseira do edificio de Capitanía Marítima ou o parque empresarial do Perdouro. Non fixo nada de todo o que dixo que ía facer. O único, anuncios de prensa totalmente baleiros”, critica.

BNG AFEA A PP E PSOE A FALTA DE FONDOS

Pola súa banda, o BNG concidiu en censurar “as promesas incumpridas” do goberno local. O voceiro dos nacionalistas, Mario Pillado, expón que Llano “estivo durante anos prometendo a obra do pavillón sen facer nada, ata que en xuño do 2018 o Burela FS recibiu a advertencia da LFNS de que Vista Alegre non cumpría cos requisitos”.

Pillado aféalle ao alcalde que “enganou á veciñanza falando dos terreos, ensinando nas institucións unha memoria de seis follas que para nada é un proxecto válido, e agora anuncia a remodelación de Vista Alegre”.

O voceiro do BNG burelao tamén critica a actitude do PP, que “pactou os orzamentos da Deputación de Lugo sen un só euro consignado para a infraestrutura, nin partida por parte da Xunta de Galicia”. Socialistas e populares “non se roen”, conclúe.

Ao igual có PP, o BNG fai fincapé noutros “incumprimentos” de Llano, como “o de remunicipalizar o servizo de xestión de residuos ou o da construción da depuradora, na que a Xunta do PP marxina a Burela”.

“SOLUCIÓN MÁIS SINXELA”

Pola súa banda, o alcalde de Burela nega que “cambiara de idea”, malia que no pasado mes de xuño rexeitou unha enmenda de substitución para contemplar a posibilidade de arranxar Vista Alegre. Daquela, o goberno local cifrou en 800.000 euros a remodelación e aludiu ao seu “custo excesivo”.

Llano reitera que “a intención” é a construción dun novo pavillón e afirma que se adopta “unha solución de urxencia, máis sinxela e máis barata” para cumprir coas necesidades tanto do Burela FS como do tecido asociativo deportivo burelao. “As administracións non se comprometeron en firme e o custo na nova instalación rondaría os sete millóns de euros”, resalta.

REMODELACIÓN “EN DÚAS FASES”

O rexedor expón que se está a rematar un proxecto que se presentará “o venres” para a remodelación de Vista Alegre, que se acometerá “en dúas fases”, a primeira delas para aumentar aforo e favorecer as retransmisións televisivas en directo, esixencias da LNFS. Tamén se habilitarán vestiarios e unha sala de prensa.

O goberno local admite que leva “meses” a falar cos propietarios das fincas do Camiño dos Colexios que é necesario adquirir para este obxectivo. Llano cifra a superficie que o Concello pretende mercar en “arredor de 10.000 metros cadrados”, que servirían para dotar ao Vista Alegre de prazas de aparcadoiro, e abrir a porta á instalación dunha piscina.

Na segunda fase da actuación, ampliaríase a superficie para servizos ubicada detrás da actual grada, onde se atopan os lavabos ou o bar.

REMATADAS “NUN VERÁN”

Llano asegura que a primeira parte das actuacións “podería facerse nun verán” e permitiría ao Burela FS, líder da Segunda División masculina e da Liga Foro 16 Feminismo, ter garantías de poder competir.

SOLICITUDE AO CONCELLO DE VIVEIRO

O club solicitou no pasado mes de maio ao Concello de Viveiro a posibilidade de utilizar o pavillón municipal se Vista Alegre non cumpre cos requisitos estipulados pola LNFS.

Polo de agora, e tras mostrar o goberno local viveirense a súa disposición a colaborar coa entidade, non houbo novas conversas para esta fin. De haber un proxecto en firme de construción dun novo pavillón ou de reforma de Vista Alegre, a LNFS podería conceder unha prórroga para acometer os traballos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here