O Porta da Auga crea unha app para repicar as campás dunha igrexa a distancia

Outros dous centros galegos participaron no proxecto, que se realizou a partir do campanario da Devesa e que se exporá en Santiago en maio

Presentación dun proxecto no CIFP Porta da Auga. AXM

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga de Ribadeo exporá en maio en Santiago de Compostela un premiado proxecto de elaboración dunha aplicación (app) de teléfono móbil para accionar as campás dunha igrexa a distancia.

O proxecto, no que participan tamén o IES Xoán Montes de Lugo e o IES As Mariñas, de Betanzos, recibiu un premio da Xunta de Galicia dotado en 7.900 euros. Os tres centros presentarán o dispositivo na feira FP Innova que se celebrará na capital de Galicia.

Para desenvolver a aplicación, os centros realizaron unha maqueta do campanario da parroquia ribadense da Devesa.

O xefe do departamento de electricidade do CIFP Porta da Auga, Benito Fernández Rey, explica que “a idea xurdiu deste instituto e trátase de automatizar un campanario para poder mandar as campás a través do móbil”.

Coa base do campanario da Devesa, desenvolveuse un dispositivo para distinguir os toques típicos de defuntos, “que distinguen cando o defunto é un home ou unha muller”, sinala o docente, ou dos de vodas, procesións ou entrada á misa.

Queriamos que se tocaran a distancia, xa que case non hai quen se dedique a isto e así unha persoa desde a súa casa pode tocar a campá”, explica Fernández.

O profesor expón que “o primeiro que se fixo foi construír unha maqueta pequena simulando o campanario da Devesa coas dúas campás, que construímos no CIFP Porta da Auga”.

“O cadro montárono en Lugo e o centro de Betanzos tivo como misión gobernar o automatismo da maqueta a través de internet. Ademais de mandar o campanario con SMS desde o teléfono móbil, fíxose unha app para o móbil onde están os toques de defuntos, de procesión e de entrada á misa, todo en tempo real”, prosegue.

INSTALALO NO CAMPANARIO

Desde xaneiro de 2019 o dispositivo está en funcionamento. “Temos o obxectivo de instalalo no campanario da igrexa de A Devesa”, conclúe Fernández Rey.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here