O Concello quere manter a esencia “familiar” de Pernas Peón, “listo” para a súa repoboación

Opta porque o espazo sexa un lugar "para todas as xeracións", onde se poda "xogar e comer"

Parque Pernas Peón. AXM

O Concello de Viveiro asegurou este sábado que o Parque Pernas Peón de Covas está “limpo e listo para a súa repoboación” e que opta por manter “a esencia familiar” do espazo, trala proposta do BNG de habilitar un circuíto multideportivo na zona.

O goberno local repasou as actuacións realizadas trala tala, na pasada primavera, de 78 piñeiros e 33 eucaliptos, unha medida que xustificou en razóns de seguridade e foi obxecto de polémica.

A alcaldesa, a socialista María Loureiro, reitera que se trataba dunha tarefa “necesaria” e que “o tempo deunos a razón, pois as árbores estaban en mal estado e existía un risco de que poidesen caer”.

O Concello explica que trala tala realizouse o empacado e rastrillado dos restos de cortezas e ramaxe. Posteriormente, executouse unha poda en altura nos eucaliptos restantes.

A continuación retiraronse os tocóns dos eucaliptos e dos piñeiros, primeiro na zona do eucaliptal e logo no piñeiral.

Tamén se acometeron labores de xardinería consistentes na limpeza da zona dos tocóns, no fresado da terra e na plantación da herba, e alisouse a parte do eucaliptal con doce camións de terra vexetal.

Zona do merendeiro de Pernas Peón. AXM

Ante as críticas do BNG, Loureiro subliña que todas estas tarefas “foron públicas e non se escondeu nada aos veciños” e remarca que o parque “está en perfectas condicións para realizar a súa repoboación e ser usado sen perigo”.

A rexedora afirma que “é o momento de reseñar a reforestación”, un proxecto para o que defende que o parque “debe manter a súa esencia e uso tradicional, un espazo natural dentro do núcleo urbán destinado ao desfrute de distintas xeracións, en familia, un punto de encontro e de xogos, un lugar onde comer.

Loureiro indica que “seguiremos escoitando a todos aqueles que queiran achegar as súas ideas en beneficio de Viveiro”, aínda que matiza que “a nosa pretensión é executar un proxecto que se adapte aos novos tempos, pero mantendo en todo caso a súa esencia e tradición”.

ACTO DO BNG

O BNG de Viveiro reivindicou este sábado cun acto reivindicativo aberto á veciñanza a creación dun circuíto multideporte no parque.

Acto do BNG de Viveiro en Pernas Peón. AXM

Os nacionalistas demandaron ao Concello que “faga partícipe aos viveirenses do proxecto de recuperación de Pernas Peón. Os veciños teñen dereito a coñecer que árbores se van plantar, cal vai ser o deseño e ordenación do espazo, con que servizos vai contar e e cal vai ser o plan de conservación do mesmo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here