O BNG levará a Bruxelas o saneamento da ría de Viveiro

Os nacionalistas afirman que os 2,7 millóns de fondos europeos para executar as actuacións "están en perigo" pola cercanía da caducidade do prazo

Salgueiro e Miriam Bermúdez, candidata do BNG á alcaldía de Viveiro. AXM

O BNG levará o vindeiro xoves ao Parlamento Europeo o saneamento da ría de Viveiro, dentro dunha xornada que o partido frontista organizará na Eurocámara sobre a execución dos fondos europeos para este tipo de execucións.

Seve Salgueiro, do BNG de Viveiro, e o deputado provincial e membro do consello de administración de Portos de Galicia Antonio Veiga amosarán, xunto coa eurodeputada dos nacionalistas Ana Miranda, a “preocupación” polo “perigo de perda dos 2,7 millóns destinados a esta actuación, procedentes dos Fondos FEDER Galicia 2014-2020 debido á súa falta de execución en prazo”.

Farano nun foro con persoas expertas en calidade da auga e no uso de fondos europeos para a execución dos saneamentos, así como doutros territorios con problemáticas similares á existente na cidade do Landro, onde un emisario roto segue a verter directamente á ría.

Desde o BNG alertan da posible perda do orzamento pactado no 2016 -e financiado nun 80% pola Unión Europea– para executar, nun prazo de tres anos, o saneamento da ría.

Os nacionalistas acusan tanto ao Concello de Viveiro como á Xunta de Galicia de “incumprir o convenio”. Aseguran que a administración local “foi incapaz de lograr en dous anos e medio os terreos e permisos necesarios para a execución”. Unha crítica que no pasado mes de xaneiro reprobou o executivo municipal tras presentar o BNG un manifesto asinado por 29 colectivos, no que responsabilizaba da situación tanto ao goberno local como ao galego.

O partido frontista pregúntase “quen ten a culpa do retraso”, “cando van executar as obras” e “que pasa se caduca o financiamento da UE”. No pasado mes de outubro, Augas de Galicia comprometeuse co Concello a licitar “en seis meses” a parte non soterrada do emisario de Viveiro para construír un novo, un requisito que Costas do Estado pide para conceder o permiso das obras de saneamento.

PROBLEMA GLOBAL

Veiga sinala que a problemática de Viveiro “é moi chamativa pola súa visibilidade, pero é unha situación que se reproduce dun xeito ou outro en moitas localidades na comarca e que é preciso afrontar con decisión e con seriedade, apostando pola posta en marcha de políticas integrais que garantan un dereito básico: o acceso á auga de xeito salube e saudable”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here