Máis de cen asinantes reclaman outra pediatra e fisioterapia de tarde en Viveiro

A plataforma sanitaria afirma que pais acudiron este mércores ao centro de saúde para as súas citas "pedindo permiso nos traballos" sen que as súas crianzas fosen atendidas por especialistas

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña recolleu “máis de cen reclamacións en dúas horas” no centro de saúde de Viveiro para reclamar a substitución da pediatra e a ampliación do servizo de fisioterapia á quenda de tarde.

O colectivo expón que desde que unha das pediatras foi trasladada, os concellos de Viveiro, Ourol e O Vicedo contan cunha única profesional. “Cando este segundo especialista falta, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) cubre con médicos de familia durante unhas horas. Así aconteceu este mércores, no que persoas acudiron á súa cita pedindo permiso nos seus traballos“, explica.

Por outra banda, a plataforma sanitaria mariñá fixo reclamacións colectivas para demandar a apertura das instalacións do servizo de rehabilitación en quenda de tarde e a dotación estable dunha fisioterapeuta no horario vespertino, para aliviar as “vergoñentas” listaxes de agarda que, asegura o colectivo, se están a producir trala ruptura do concerto que o Sergas mantiña cunha clínica privada.

MANIFESTACIÓN O DÍA 28

A agrupación convocou para o 28 de marzo unha manifestación en Burela para reclamar unha mellor atención primaria e a recuperación da área sanitaria da Mariña Lucense.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here