Concello de Foz e PSOE polemizan polos prazos da residencia e as axudas ao acceso

O candidato socialista di que se retrasou a apertura do xeriátrico con interese electoral e que as subvencións son "inaplicables", mentres que o rexedor aféalle "deostar o traballo de moitos"

Castiñeira, na xornada de portas abertas da residencia. AXM

O Concello de Foz e o PSOE polemizaron pola residencia de maiores trala xornada de portas abertas celebrada o pasado luns. O candidato socialista á alcaldía, Fran Cajoto, asegurou que se “atrasaran xestións” para poñer o centro de maiores en funcionamento “ás portas dunha cita electoral”, mentres que alcalde, o popular Javier Castiñeira, afeoulle que “veña a deostar o traballo de tantos”.

Cajoto reclamou ao goberno local no artigo que recoñeza “o traballo do goberno municipal socialista de Rivera, que no 2008 negociou a cesión dos terreos”, á vicepresidencia do BNG na Xunta de Galicia do bipartito, que “comprometeu a súa execución”, ao Patronato, “que puxo a disposición uns terreos fundamentais”, ou ás asociacións veciñais “que traballaron arreo e pelexaron por un fogar para os nosos maiores”.

O candidato socialista criticou que “un edificio rematado no 2016 se poña en funcionamento ás portas dunhas eleccións, primando os intereses particulares mentres os nosos maiores permanecen no vello asilo, en ruína e coas salas pechadas”.

XERIÁTRICO “ELITISTA”

O alcaldable do PSOE focego tamén cuestionou a ordenanza de axudas, cunha partida de 200.000 euros para aquelas persoas que teñan dificultades económicas para custear unha praza no xeriátrico.

Cajoto cualificou a normativa de “inaplicable, na que se deben achegar os bens de todos os familiares”. Así, tacha o servizo de “elitista”.

Castiñeira, pola súa banda, asegurou que “é denigrante que o señor Cajoto, que descoñece a realidade do municipio e nunca participou en nada, veña a deostar o traballo feito por tanta xente durante estes últimos anos: o da Xunta, financiando con máis de 2,3 millóns de euros esa instalación, o do equipo de goberno e doutros membros da corporación, especialmente do BNG e Foz Plataforma de Futuro, que fixeron posible o xeriátrico”.

“CANDIDATO DESCOÑECIDO”

O rexedor remarca que “en poucos días encheremos o inmoble de residentes” e lamenta “que se banalice este asunto simplemente por interese electoral”.

Castiñeira apelou ao persoal para recomendar a Cajoto “facer propostas, porque non lle imos permitir facerse coñecido á conta do traballo dos demais. Se este señor non apareceu polo pobo nunca, en trinta e pico anos, e agora faino para única e exclusivamente buscar un futuro profesional e político, que o diga”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here