(Ampliación) Silvaje insiste na súa inocencia e di que hai “institucións” que “ocultan” pezas das parroquias

A Fiscalía mantén a petición de catro anos e medio para o ex párroco por apropiación indebida, mentres que a defensa pide a libre absolución e cuestiona a listaxe de pezas sen recuperar

José Emilio Silvaje (esquerda) e José Jaime de Orozco. EFE

Este xoves rematou na Audiencia Provincial de Lugo o xuízo a José Emilio Silvaje Aparisi por delito continuado de apropiación indebida duns 40 bens mobles -entre eles pezas e tallas de santos- de trece fegresías dos municipios de Ribadeo e Trabada, nas que exerceu como cura entre 2008 e 2012.

A Fiscalía mantivo a petición inicial de catro anos e seis meses de cárcere para o ex párroco, ao que acusa de “apoderarse e de dispór como propios, con ánimo de enriquecemento ilícito, de ducias de obxectos relixiosos e de culto, imaxes, así como mobles e bens pertencentes as mencionadas parroquias, dos cales era o encargado da súa custodia”.

Pola súa banda, a defensa pide a libre absolución do acusado. O avogado de Silvaje nega a existencia de delito de apropiación e cuestiona a listaxe de obxectos sen recuperar que figura no escrito de acusación, elaborado polo Bispado.

INVENTARIO “POUCO RIGOROSO”

O letrado argumenta que este inventario se fixo de forma “pouco rigorosa“, a partir doutros anteriores “incompletos” e das “manifestacións da veciñanza”, e considera que “en ningún caso está acreditado que os obxectos estivesen nas parroquias cando o párroco tomou posesión do cargo”, xa que daquela non existía unha listaxe de bens.

O LETRADO considera que “ningunha testemuña” viu a silvaje roubar e que non hai probas “dun enriquecemento ilícito”

A defensa considera corroborado polas testemuñas que os bens entregados ao outro acusado, o coleccionista de Mondoñedo José Jaime de Orozco Sanchez Aguilera, estaban nun estado tan “deplorable” que “facilmente” se podían identificar como “lixo”, tal e como Silvaje se xustificou na primeira sesión da vista oral.

O avogado considera que “ningunha testemuña” acreditou que “vise” a Silvaje “apropiarse dalgunha peza“, e que tampouco se probou un “enriquecemento ilícito” por parte do ex párroco.

DISCUTEN A TAXACIÓN DAS PEZAS

Para Orozco, a Fiscalía pide un ano e seis meses de prisión, acusado da receptación dos bens subtraídos. O Ministerio Fiscal cre que probado que o ex párroco “entregou” ao coleccionista mindoniense “diversos obxectos procedentes dalgunha desas parroquias”, e que este, “sendo sabedor” da procedencia dos bens, permutounos por outros cun terceiro.

A defensa pide a libre absolución do acusado, que recibiu os bens na crenza de que Silvaje actuaba “dacordo coas súas atribucións“.

Ademais, o letrado cuestionou a taxación dos bens que o seu defendido recibiu do ex cura. Mantivo que non quedara acreditado que o valor das pezas, que insistiu en calificar como “lixo”, superara “os 400 euros”. Así, concluíu, o seu defendido só podería ser xulgado por unha falta, non por un delito, o que o eximiría dunha condena penal.

TESTEMUÑAS DA DEFENSA

Durante a segunda sesión do xuízo, celebrada este xoves, compareceron ante o tribunal da Audiencia Provincial sete testemuñas a petición das defensas, entre elas, dúas monxas do Convento de Santa Clara de Ribadeo, que confirmaron ter limpado e adecentado tallas, ornamentos e telas das igrexas por encargo de Silvaje, e unha voluntaria valenciana que colaborou en tarefas de limpeza nos templos nos veráns de 2009 e 2010.

Tamén testificaron catro veciñas das parroquias de Vilaosende, A Ponte e Vilamartín Pequeno. O letrado do ex párroco tratou de apuntalar coas súas declaracións a tese do “descontrol” que existía en relación cos bens das igrexas antes da chegada do seu defendido.

As freguesas, que confirmaron que as chaves dos templos estaban tamén en mans da veciñanza, loubaron a xestión do cura, que colgou o hábito en febreiro de 2012.

Segundo expuxeron, modificou costumes como a de funerais oficiados por varios párrocos e deixou de “cobrar polos enterros”. Unha das testemuñas suxeriu que isto lle custara un conflito con outros curas que, valorou, “lle fixeron a vida imposible”.

ALEGATO FINAL

Tras a exposición das conclusión por parte da Fiscalía e dos avogados defensores, Silvaje empregou o seu último turno de palabra como acusado para afirmar que “hai particulares e institucións que están ocultando de forma dolosa pezas que faltan das parroquias“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here