Augas de Galicia propón ampliar a sección do Fontecova e crear unha pasarela ás casas

O Concello abordará o luns o informe do ente autonómico, que baralla tres opcións para previr inundacións en Xunqueira e Camiño da Fonte, cuns custos de entre 436.000 e 505.000 euros

Tarefas de limpeza trala riada en Camiño da Fonte. ORESTES CURRÁS

O Concello de Viveiro recibiu o pasado mércores o plan de xestión do risco de inundación do río Fontecova prometido por Augas de Galicia, e que expón as tarefas a realizar para evitar outra riada como a que asulagou Xunqueira no pasado mes de novembro, custando a vida dunha muller, e para devolver a zona á normalidade.

O informe, que recolle e analiza medidas de prevención e de protección, alerta de que o curso do Fontecova ten pendentes de “ata o 40%”, o que supón que “calquera elemento sólido, sexan sedimentos, rochas ou troncos, é rapidamente arrastrado augas abaixo”.

MEDIDAS DE PREVENCIÓN

Dentro das medidas de prevención expostas no informe, Augas de Galicia propón a inclusión dun punto de predicción de alerta temperá no cauce do río (cun orzamento de entre 10.000 e 20.000 euros) e dun sistema de medida hidrolóxica (cun presuposto de 10.000) para controlar situacións de risco de rebordamento, ambos executados polo ente autonómico.

O informe recomenda ao Concello a adaptación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para que inclúa o resultado da zonificación de inundabilidade e limite os usos do territorio.

No tocante ás medidas de conservación fluvial (drenaxe, eliminación de obstruccións), Augas de Galicia distingue entre os treitos na zona urbá -competencia municipal- e no treito alto -responsabilidade do Goberno galego-. O importe total destas actuacións ascendería a 28.750 euros, da que o Concello tería que asumir a menor parte.

UN PLAN DE ACTUACIÓN, “FUNDAMENTAL”

Outra das recomendacións ao goberno local, considerada “unha das medidas máis necesarias para minimizar o risco de inundación”, é que redacte un Plan de Actuación Municipal (PAM), que inclúe protocolos de comunicación entre administracións e coa poboación, a mobilización de medios e operativos de protección civil e mesmo a celebración de adestramentos e simulacros. Este documento tería un custo de 4.500 euros.

Finalmente, e dado que a conca do río Fontecova ten “elevadas pendentes”, o documento sinala que “é importante que se tomen medidas de conservación hidrolóxico-forestais, como a laminación das avenidas ou a axeitada limpeza dos montes, para evitar posibles arrastres”.

MEDIDAS DE PROTECCIÓN

Neste apartado, o informe destaca a “necesidade” de aumentar as estruturas de paso mantendo edificiacións. Así, no treito 1, no que o río chega ao nucleo urbán, e no 2, entre o viaduto da N-540 e o cruzamento coas rúas Xunqueira e Camiño Fonte, faise preciso “o aumento da capacidade hidráulica das pontes“.

Neste último punto, Augas de Galicia observa que un salto de auga está a provocar un aumento da cota das augas na parte final do treito 1, polo que debe ser eliminado.

Augas de Galicia tamén recomenda eliminar o edificio danado no inicio do treito urbán do río, que “constriñe o cauce e limita a medida estrutural proposta”.

O edificio que Augas propón eliminar, á dereita. AXM

Finalmente, o treito 3 abrangue entre a zona do lavadoiro e ata onde remata o tramo urbán.

Augas de Galicia propón ampliar a sección do cauce no treito 1 e a creación dun cauce de augas baixas -para situacións normais- e outro de augas altas, para zona de paseo e que sería ocupado polas augas en avenidas, o que suporía ter que diminuír o ancho da estrada. Tamén se propón aumentar a sección da ponte.

TRES ALTERNATIVAS

No treito 2 preséntanse tres propostas a valorar, que coinciden na necesidade de aumentar a sección hidráulica do río e da ponte. Na alternativa A mantense o acceso ás últimas edificacións do núcleo, co deseño dun cauce de augas altas e outro de augas baixas.

Na alternativa B búscase maximizar o cauce de augas altas ao ancho máximo entre as edificacións, para o que habería que dotar ás mesmas dunha pasarela peonil de acceso. Na proposta C, déixase dun lado a naturalización do río. O cauce de augas baixas e altas uniríase nunha sección rectangular cun ancho igual ao que hai entre inmobles. Augas de Galicia considera esta opción “a mellor desde o punto de vista hidráulico”.

No treito 3 deséñase un cauce de aguas baixas e outro de augas altas cun paseo inundable e mantense o acceso ás vivendas.

Outras medidas pasan polo aumento de estruturas de paso eliminando edificacións que estean dentro do PDH e a zona de servidume ou a creación dun desvío ou cauce de emerxencia. Puntualmente, proponse a eliminación do muro do convento

CUSTOS E FINANCIAMENTO

Coa opción A, o proxecto tería un custo de 436.000 euros, cunha puntuación de 1,6 tras unha análise multicriterio; o que inclúe a alternativa B alcanzaría os 495.000 euros, cunha valoración de 1,7, e a proposta C precisaría de 505.000 euros, con 1,46 puntos.

Augas de Galicia propón financiar este importe entre Concello, Deputación de Lugo e o ente autonómico. As tres administracións encargaríanse na naturalización do cauce, ampliación de pontes e eliminación do salto de agua, mentres que os gobernos provincial e local asumirían a construcción das pasarelas de acceso ás vivendas.

“PASA CADA 500 ANOS”

Un dos apartados do documento é unha análise sobre o acontecido o día 18 de novembro, que incide na idea expresada polo Executivo autonómico, que atribuíu as inundacións “a chuvias que só acontecen cada 500 anos“.

A frase, que pronunciou en Viveiro a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, desatou as críticas da veciñanza afectada, que lembrou que levaba anos a pedir a limpeza do cauce

No informe utilízanse as curvas Intensidade-Duración-Frecuencia, que “relacionan a intensidade da chuvia coa probabilidade de ocorrencia”. Así, Augas de Galicia reitera que se “tratou dun episodio moi excepcional, cun período de retorno superior aos 500 anos”. 

O LUNS, REUNIÓN

O Concello explicou a través dun comunicado que “agora que contamos coa memoria, é o momento de comezar a traballar nas zonas máis afectadas polas inundacións como é o caso da Carrapota, A Carreira e Xunqueira, nas que non se puido intervir antes -como si se fixo noutros puntos- por ser necesario contar co documento que Augas de Galicia acaba de remitir”. 

O goberno local convocou unha reunión de traballo que terá lugar o vindeiro luns e na que estarán presentes os técnicos municipais. Na xuntanza “analizarase o contido do documento e determinaranse os pasos a seguir por parte do Concello”, explicou a alcaldesa, a socialista María Loureiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here