Iniciosociedade(AMPLIACIÓN) A Xunta licita por un millón a reforma do Ceip Virxe...

(AMPLIACIÓN) A Xunta licita por un millón a reforma do Ceip Virxe do Carme de Burela

As obras, que afectarán aos tres edificios, teñen un prazo de execución de tres meses

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia licitou a rehabilitación integral do Ceip Virxe do Carme, en Burela, por un importe de 956.043 euros (case 100.000 euros máis dos previstos inicialmente), unhas obras que terán un prazo de execución de tres meses, segundo publica a plataforma de Contratos de Galicia.

A obra financiada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional contempla a renovación da cuberta, actuacións nas fachadas, no sistema de illamento, na carpintería exterior e na iluminación do centro, entre outras melloras.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, desprazouse este martes a Burela para presentar o proxecto, que contempla “a renovación e modernización global das instalacións dos tres edificios que compoñen o complexo docente e que foron construídos nos anos 70“.

EDIFICIO PRINCIPAL

En concreto, no edificio docente principal -que consta de dúas plantas e unha superficie construída de case 1.600 metros cadrados- substituirase a cuberta de fibrocemento en terraza e os falsos teitos en aulas.

Tamén, segundo explicou o delegado territorial da Xunta, renovaranse os aseos de infantil e dos profesores, a tarima e os armarios das clases e as portas de acceso á parcela do centro, e pintaranse os paramentos interiores do inmoble.

Ademais, mellorarase a eficiencia enerxética do edificio co illamento térmico na cara inferior do teito, illamento do forxado de baixocuberta con lá de roca, illamento de fachada polo exterior mediante sistema SATE e a substitución de luminarias existentes por equipos de alta solvencia enerxética.

Plano do proxecto. AXM

OUTROS INMOBLES

No tocante ao edificio de ladrillo cara vista e do inmoble do aulario, o proxecto de intervención licitado abrangue o illamento das fachadas e térmico do forxado das baixo cubertas, e a substitución das ventás por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e doble vidro, ademais do cambio das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética.

Tamén se renovarán as portas interiores deterioradas en aulas e aseos, substituiranse os falsos teitos por paneis acústicos de lá de roca nas aulas e pintaranse os paramentos interiores.

Obras a acometer nos tres edificios. AXM

A maiores, o proxecto inclúe a renovación do pavimento da biblioteca do edificio de ladrillo, e a substitución de falsos teitos tanto neste departamento como en reprografía. No caso do aulario, cambiaranse os falsos teitos e mellorarase o porche.

PREVISTAS PARA O VERÁN

Está previsto que as obras comecen no verán, unha vez remate a actividade lectiva, de xeito que os traballos da reforma non interfiran no normal desenvolvemento da función docente.

PROTESTA DA COMUNIDADE EDUCATIVA

A comunidade educativa do Ceip Virxe do Carme denunciou no pasado mes de novembro problemas constantes polo deterioro do centro, que padecía goteiras, desprendementos ou mesmo a presenza dun insecto devorador da couza, que picou a varios profesores.

Balseiro explica a obra licitada. AXM

A situación do colexio enfrontou a Xunta e Concello de Burela, que cruzaron acusacións sobre a quen correspondía o arranxo do Ceip Virxe do Carme. O Goberno galego argumentou que o goberno local era o encargado das tarefas de mantemento, mentres que o executivo municipal afirmou que o centro de ensino requería de obras maiores, que son competencia da Consellería de Educación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...