Costas inicia obras de mellora dos accesos nos litorais de Burela, Foz, Viveiro e Ribadeo

O Goberno actuará nas praias de Area, O Portelo e Arealonga e na Casa das Algas, cun investimento de case 224.000 euros

Praia de Area, en Viveiro, coa illa á dereita. AXM

O Goberno central anunciou este martes o inicio de catro actuacións -en Burela, Foz, Viveiro e Ribadeo– que o Ministerio de Transición Ecolóxica realizará na Mariña Lucense dentro da programación de conservación e mantemento do litoral. 

A subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez, informou de que a Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar está a poñer en marcha as obras nestes días de xeito escalonado.

INVESTIMENTO

As catro actuacións que iniciará o Goberno esta semana na Mariña Lucense alcanzarán un investimento total de 223.877 euros.

Os traballos comezaron a semana pasada en Viveiro, onde se está a executar un proxecto para mellorar o acceso pola parte occidental á praia de Area.

En Burela, as obras para a creación dun nova entrada dende o paseo á praia urbá do Portelo iniciáronse o pasado luns.

Este martes, segundo precisou a subdelegada do Goberno, comezarán en Ribadeo as obras destinadas á creación dun acceso para uso marítimo deportivo na Casa das Algas, en Vilavella.

O vindeiro mércores executarase a cuarta das actuacións, consistente na creación dunha escada para acceder á praia de Arealonga, no municipio de Foz.

LISTAS “NA SEMANA SANTA”

As obras que se realizan ao abeiro deste programa do Ministerio para a Transición Ecolóxica, expón Rodríguez, “responden ás necesidades e demandas dos distintos concellos da comarca da Mariña, co obxectivo de axeitar a costa mariñá á chegada do verán“. O Goberno central prevé rematalas “antes de Semana Santa“. 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here