A CIG fala de nenos “con 20 sesións pendentes” de logopedia e o Sergas di que o servizo “xa está concertado”

O sindicato e maila Xunta polemizan pola atención aos doentes con tratamentos inacabados trala ruptura do convenio cunha clínica privada, o pasado 24 de decembro

Sesión de logopedia. AXM

CIG e Sergas polemizaron este martes polos servizos de logopedia e fisioterapia na Mariña Lucense.

O sindicato nacionalista expón que, segundo datos ofrecidos pola Xunta de Galicia á deputada do BNG, Olalla Rodil, 42 pacientes de logopedia e 836 doentes crónicosnon agudos– de fisioterapia viron interrompidos os seus tratamentos o pasado 24 de decembro, logo da ruptura do concerto do Sergas cunha empresa privada.

A central sostén que “non se están a retomar os casos pendentes, senón só a chamar a persoas para iniciar tratamento”.

Asegura que recibiu denuncias de pais e nais que afirman “que as súas crianzas quedaron co tratamento de logopedia interrompido, nalgúns casos con 12 e 20 sesións pendentes, e que a día de hoxe continúan sen ser chamados”.

INSTA Á XUNTA A ASUMIR O SERVIZO

A CIG indica que o Sergas “ofreceu a posibilidade de ser atendidos no servizo de logopedia de Lugo, de luns a venres e en horario de mañá, provocando desprazamentos innecesarios”.

Así, o sindicato esixe ao Sergas que “clarifique esta situación” e que aposte polos servizos de logopedia e fisioterapia na carteira pública de prestacións. “Se outros hospitais públicos dispoñen de logopeda, somos na Mariña Lucense cidadáns de segunda?”, pregunta a central nacionalista.

“MELLORA SUBSTANCIAL”

O Sergas, pola súa banda, afirmou que o servizo de logopedia “xa está concertado cunha clínica de Burela”.

O Sergas subliña que “fisioterapia sempre estivo na carteira de servizos públicos” e remacarca que contratou dous fisioterapeutas máis -un para a quenda de mañá e outro para a de tarde- para o Hospital Público da Mariña, que conta con seis especialistas (tres no horario matinal e outros tres no vespertino).

Malia que a CIG considerou “un parche” esta dotación dadas as “longas listaxes de agarda” e reiterou a “necesidade” de contratar máis especialistas para os ambulatorios, o Sergas destaca que “aumentouse substancialmente o persoal” e que “hai fisioterapias nos centros de saúde de Viveiro, Ribadeo e Foz”.

“SETE DÍAS POR CONSULTA” EN VIVEIRO

Veciños, formacións políticas e persoal do centro de saúde e Punto de Atención Continuada (PAC) de Viveiro denunciaron de novo este martes -levan tres meses de protestas- a situación dos servizos de atención primaria.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, afirmou que, dado que o Sergas “non cubre as baixas xustificadas dos profesionais, os veciños quedan moitas veces sen ser atendidos. A semana pasada estivemos sen unha médica polas mañás e nesta seguimos igual”, asegurou.

Concentración en Viveiro. AXM

A rexedora sostén que a veciñanza “agarda ata unha semana por unha consultas. Ademais os facultativos vense na obriga de traballar máis horas das establecidas e de atender a unha media de 50 persoas diarias pola falta de persoal sanitario”, critica.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here