IniciosociedadeAprobado un novo aparcadoiro de cen prazas en Mondoñedo para quitar os...

Aprobado un novo aparcadoiro de cen prazas en Mondoñedo para quitar os coches do casco histórico

Fomento valida o proxecto do Concello, que investirá máis de 131.000 euros en habilitar un lugar de estacionamento na travesía das Casas Novas, cun prazo de execución de cinco meses

Publicada o

- Advertisement -

O Ministerio de Fomento vén de aprobar o proxecto promovido polo Concello de Mondoñedo de acondicionamento de tres parcelas para aparcadoiro na travesía Casas Novas, que segundo o goberno local permitirá habilitar cen prazas de aparcamento na cidade.

As fincas obxecto da intervención, detrás da igrexa nova, atópanse dentro do solo urbano do Concello, cunha superficie total de 3.976,33 metros cadrados. As parcelas atópanse en desuso, xa que non se continuou a actividade agrícola que se viña desenvolvendo.

Con este proxecto, o Goberno local pretende eliminar o aparcadoiro de vehículos nas rúas do conxunto histórico, máis despois de limitar o estacionamento nas rúas do centro e na Praza da Catedral.

O executivo municipal investirá no proxecto 131.174,47 euros. O tempo preciso para realizar as obras é de cinco meses. Previamente o Concello levou a cabo traballos de limpeza e acondicionamento das parcelas.

PATIO AXARDINADO

Concello propón a creación dun patio axardinado no que permitir o aparcamento de vehículos, baixo os emparrados dunha pérgola natural axardinada con especies arbóreas, que é o único elemento construtivo planeado.

Este elemento ocultará os coches desde o punto de vista visual desde o atrio da igrexa nova. Conservarase a vexetación ornamental e o arborado existente.

A circulación será nunha única dirección, realizándose con firme de saburra estabilizada, baixo a que se disporá dunha capa de macadam. As prazas proxéctanse con lousa de céspede sobre firme de zahorra e asentada sobre capa de area de mina.

A intervención complétase co axardinamento e plantación de todos os espazos libres con especies de árbores caducifolias autóctonas, propios do bosque atlántico, como serval de cazadores, castaño, cerdeira brava ou carballo.

Tamén se instalará alumeado público, e habilitarase sinalización desde os accesos á cidade ata o aparcadoiro, así como de regulación de circulación no interior do mesmo. A urbanización complétase coas necesarias obras de recollida de pluviais.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...