A Xunta adxudica catro vivendas de promoción pública en Burela e Viveiro

Tamén entrega as chaves doutro piso en Cervo, todos eles en rexime de alugueiro

Entrega da vivenda en Cervo. AXM

A Xunta de Galicia entregou este xoves unha vivenda de promoción pública no concello de Cervo e realizou os sorteos polos cales se asignan entre os adxudicatarios dous pisos en Viveiro e outros tantos en Burela.

En Viveiro adxudicáronse dúas vivendas emprazadas na rúa Rosalía de Castro do casco histórico. Unha delas ten 57 metros cadrados de superficie e dous dormitorios e a outra 37 metros cadrados e un dormitorio.

No caso de Burela, os inmobles adxudicados localízanse nas rúas Valle Inclán e Luís Seoane. Ambos teñen tres dormitorios e 83 metros cadrados.

No tocante ao piso de Cervo, entregáronse as chaves dun domicilio situado na rúa Vía Láctea, cunha superficie de 85 metros cadrados e tres dormitorios.

O delegado territorial do Goberno galego en Lugo, José Manuel Balseiro, participou nos actos e explicou que en todos os casos se trata de adxudicacións en rexime de alugueiro.

INSCRICIÓNS

Balseiro lembrou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ten aberto durante todo o ano o prazo para inscribirse no rexistro único de demandantes da comunidade autónoma, a partir do cal se realizan os sorteos polos que se elaboran as listaxes de adxudicatarios de pisos de promoción pública nos distintos municipios.

Todas aquelas persoas interesadas en formalizar a súa inscrición no rexistro poden facelo presencialmente ou ben a través da sede electrónica da Xunta. A vixencia da inscrición é de tres anos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here