A “pancha” entra en circulación con descontos do 25 por cento en compras

Máis de oitenta establecementos adheríronse á campaña de dinamización do comercio local organizada polo concello de Ribadeo e a Acisa

Ana Martínez, Fernando Suárez, Francisco Iriarte e Jesús Pérez cambiando as moedas

En Ribadeo págase en panchas. Este venres día marcado para poñer en circulación esa “moeda propia” coa que o Concello e a Acisa pretenden “dinamizar o comercio local”.

Este xoves ducias de persoas intercambiaron os euros pola “divisa” de novo curso nas oficinas de Abanca, que colabora coa iniciativa.

Por cada trinta euros recibiron corenta panchas -que equivalen a corenta euros-, unha taxa de conversión coa que se implementa o desconto do 25 por cento nas compras que engade a campaña como reclamo.

Para iso, o concello ribadense achegou á iniciativa 10.000 euros.

40.000 EUROS E MÁIS DE 80 ESTABLECEMENTOS

Ata o vindeiro 5 de maio, “moveranse” polo tecido comercial ribadense 40.000 euros. A campaña conta con máis de 80 establecementos adheridos, desde locais de restauración ou tendas de alimentación, ata de roupa, complementos, decoración, fotografía ou perruquería.

A información detallada sobre os establecementos e as condicións dos descontos poden atoparse en panchamoedalocal.ribadeo.org

“REVULSIVO PARA O COMERCIO LOCAL”

O alcalde, Fernando Suárez, amouse convencido de que a campaña vai ser “un revulsivo para a economía local en tempada baixa” e de que “terá un efecto multiplicador” xa que, argumentou, “animará a persoas do resto da Mariña e do occidente de Asturias a mercar en Ribadeo”.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, precisou que o “80 por cento dos establecementos” que se sumaron a iniciativa son socios da organización e augurou que “o diñeiro se vai ser pouco” para as expectativas que está a xenerar.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here