Aquí esperan horas as vítimas de violencia de xénero da Mariña para denunciar os seus agresores

Traballadores alertan de que o Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro carece "dun espazo digno" para darlles comodidade e anonimato ás maltratadas que deciden demandar

Sala onde agardan as vítimas de violencia de xénero para denunciar. AXM

Entre mobiliario escaso, vello e suxo, nun espazo que ten problemas de humidade e reducido por mor dos centos de arquivos acumulados ao seu redor. Sen apenas intimidade, xa que os fucionarios entran e saen con frecuencia, todos os días, para buscar documentación sobre os casos máis recentes. Así é a sala na que agardan horas as vítimas de violencia de xénero no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Viveiro para denunciar os seus agresores.

Traballadores do Xulgado de Violencia sobre a Muller viveirense presentaron este venres un rogo nunha sesión da Mesa Local Contra a Violencia de Xénero, da que son membros, para informar dunha situación que consideran “indecente“.

Marco López e David Díaz expuxeron aos integrantes do organismo, que forman representantes do goberno local e das administracións central e autonómica, dos grupos políticos da opisición, das forzas e corpos de seguridade do Estado e das comunidades educativa e sanitaria, que o arquivo da sección civil, ao límite da súa capacidade, é o único espazo habilitado como dependencia para acubillar ás vítimas de violencia machista que van denunciar os seus maltratadores.

EVITAR INTIMIDACIÓNS

Os traballadores do xulgado resaltan que estas mulleres precisan dispor dun espazo propio que lles ofreza anonimato, para evitar a súa exposición pública nos corredores do xulgado e para impedir que se poidan ver intimidadas polo seu agresor, dado que os trámites xudiciais realízanse en unión de acto -débese citar aos dous implicados- é existe o risco de que se crucen no edificio.

López e Díaz lembran que a tramitación dunha denuncia pode levar “tres ou catro horas“, polo que cren “de sentido común” que se habilite un espazo con mellores condicións de comodidade e salubridade.

“É humillante tamén para nós, porque somos os anfitrións, os que as levamos a este lugar, e vemos a incredulidade e decepción que sinten e que calan por respecto”, explica López.

“Estas persoas teñen que estar tranquilas e acompañadas dos seus familiares, o máis cómodas posibles para pasar o díficil transo de demandar ás súas parellas“, expoñen os membros da mesa, que lembran a dificultade de dar o paso de denunciar e  que calquera situación de malestar que afronten a maiores estas mulleres pode disuadilas de facelo.

MATERIAS PENDENTES

Non só no tocante á normativa e á aplicación da mesma, tamén no relativo aos medios e infraestruturas. A falta de espazos onde esperar con tranquilidade e comodidade é unha das moitas materias pendentes que ten a Xustiza respecto da loita contra a violencia de xénero. Polo xeral, nos xulgados galegos búscanse recunchos destinados a outras tarefas para acubillar ás vítimas.

Así, aprobouse que as representantes das administracións que forman a mesa -a alcaldesa, María Loureiro, a subdelegada do Goberno central, Isabel Rodríguez, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella– soliciten á Dirección Xeral da Xunta de Galicia o habilitamento “dun espazo digno” para as mulleres maltratadas.

FOLGA DA XUSTIZA

Os funcionarios informaron de que a Xunta de Galicia retomará en Viveiro o plan de recuperación do traballo acumulado trala folga da Xustiza.

No pasado mes de febreiro, os traballadores alertaron da acumulación de 3.075 pleitos civís pendentes, logo de que o Goberno Galego só dotase cunha ampliación de xornada de 20 horas ao xulgado viveirense, e de que mesmo se esquecese del na primeira parte do programa.

A Xunta habilitará outras 20 horas a partir de finais deste mes para aliviar o traballo acumulado, unha cantidade que é “totalmente insuficiente“, advirte López, “porque precisaríamos de 1.000 horas para recuperar o tempo perdido”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here