O persoal do xeriátrico de Viveiro concentrarase contra quendas de traballo “insoportables”

A CIG denuncia que Domusvi "impuxo" calendarios con ata quince días de traballo por un só de descanso entre medias, o que considera "un atentado contra a saúde"

Geriatros Viveiro. AXM

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou concentracións para protestar polo “calendario imposto” por Domusvi no xeriátrico de Viveiro, que considera “insoportable”.

O persoal do centro denuncia que a empresa “vén de impoñer un calendario con quendas de traballo de ata oito días continuos e nalgúns casos unha quincena cunha soa xornada de descanso entremedias“. A central entende que esta proposta “incumpre o recollido no convenio“.

PERSOAL “ESCASO”

A CIG fala tamén das dificultades das empregadas para atender aos usuarios pola escaseza de persoal.

“O cadro é o mínimo que esixe a Xunta de Galicia, claramente insuficiente, e que descarga a responsabilidade nos ombreiros das traballadoras, que soportan un sobreesforzo que atenta contra a súa saúde“, indica a central.

A PRIMEIRA PROTESTA, O MARTES

As concentracións, convocadas pola CIG despois de terse tratado en asemblea de traballadoras, serán diante das instalacións deste centro os vindeiros días 16, 25, e 30 de abril, desde as 14.15 ata as 15.30 horas, a fin de facilitar a participación do persoal que entra e sae das respectivas quendas de traballo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here