O Concello insta á Xunta a ampliar os xulgados de Viveiro cos locais cedidos

O goberno local lembra que no 2015 aprobouse un acordo plenario para ceder á Consellería de Xustiza varios habitáculos dun inmoble anexo co fin de mellorar as instalacións

Xulgado de Viveiro. GOOGLE MAPS

O Concello de Viveiro anunciou este luns que enviará un escrito á Xunta de Galicia para solicitar a ampliación dos xulgados, despois de que dous traballadores e integrantes da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero expuxesen nunha xuntanza do organismo que as mulleres maltratadas carecen dun “espazo digno” para agardar até denunciar os seus agresores.

Os funcionarios do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número 2) denunciaron que as vítimas da violencia machista esperan durante horas nunha sala con mobiliario escaso e suxo, e limitada de espazo polos centos de documentos do arquivo da sección civil. Trátase dun habitáculo que estaba destinado en principio a ubicar a Fiscalía e que se utiliza como almacén.

Os traballadores subliñaron que estas persoas necesitan dunha sala de espera cómoda, dado que os trámites xudiciais poden prolongarse, e que lles permita manter o anonimado e evitar posibles encontros cos seus agresores, situacións que poden intimidalas e disuadilas de denunciar.

CASE 800 METROS CADRADOS

O goberno local de Viveiro explicou que remitirá unha misiva ao Goberno galego “solicitando que se habilite a sala referida, explicando as inadecuadas condicións nas que se atopa o actual espazo e instando” á Dirección Xeral da Xustiza “á adopción das medidas oportunas”.

O Concello lembrou que, o 4 de novembro do 2015, o pleno de Viveiro acordou a cesión gratuíta de varios locais de titularidade municipal do inmoble situado na rúa Alonso Pérez 50, anexo aos xulgados e cunha superficie total de 767,52 metros cadrados.

“SEN RESPOSTA” DA CONSELLERÍA

A finalidade desta cesión foi, indicou o executivo municipal, “a ampliación e mellora das instalacións dos xulgados de Viveiro”.

O goberno local afirma que este acordo foi remitido á consellería “en decembro do 2015, estando a día de hoxe á espera de recibir a comunicación correspondente para poder formalizar a cesión”.

Neste senso, os traballadores advertiron da carencia de espazo para ubicar o arquivo dos xulgados, e afirmaron que o traslado dos documentos ao edificio anexo permitiría que a sala, unha vez rehabilitada, fose un lugar propicio para acubillar ás vítimas.

FORMACIÓN

A mesa, formada por representantes das forzas e corpos de seguridade (Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil), dos centros educativos, do centro de saúde, da oficina de emprego, do Xulgado, dos grupos políticos municipais, por diversos departamentos municipais (servizos sociais, oficina de inmigración e CIM) e pola concelleira de muller e a alcadesa, mantivo a súa primeira reunión de traballo.

O organismo aprobou unha proposta de formación para os integrantes da mesa que se oferta no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A formación servirá para dar ferramentas aos participantes para identificar situacións de violencia machista e mellorar a intervención nestes casos, así como para previr agresións deste tipo.

Unha empresa externa impartirá a formación entre os meses de maio e xuño, que incluirá nocións sobre o Código Penal e a lexislación específica ou sobre os aspectos psicosociais da violencia machista, ademais de sobre os protocolos de actuación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here