O conxunto histórico de Sargadelos, case ao completo tras incorporar dous novos negocios

O centro de emprendemento impulsado polo Concello nas antigas cabalerizas acollerá un taller artesán de táboas de surf e un estudo de tatuaxes, co que só queda un local dispoñible

Sinatura da adxudicación do local 1 de Sargadelos. AXM

O Centro de Artesanía e Emprendemento de Sargadelos, acondicionado polo Concello de Cervo no edificio das antigas cabalerizas, na contorna das reales fábricas, ampliará a súa oferta de actividades cun establecemento de fabricación e venda de táboas de surf artesanais e cun obradoiro creativo e estudo de tatuaxes.

Alejandro Molina, adxudicatario do local número 1, ten previsto desenvolver a partir de maio a súa actividade baseada na fabricación e deseño de táboas de surf artesanais, incluíndo tamén a creación de prendas relacionadas con este deporte.

Días atrás foi adxudicado o local número 2, que albergará un obradoiro creativo de costura e creación de complementos. Así mesmo, este negocio tamén terá zona de tenda e espazo para nais lactantes e estudo de arte na pel e perforación, entre outras actividades.

Estas iniciativas veñen sumarse ao centro ecuestre Cabaliño de Pao, que botou a andar o pasado verán cunha gran acollida, a un establecemento de alimentación ecolóxica e a un café-bar cultural que abrirán as súas portas nos vindeiros días.

ALUGUEIRO A 20 EUROS

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, precisou que só queda libre un dos seis locais acondicionados. O custo mensual do alugueiro, bonificado polo Concello, é de 20 euros por local.

Segundo o rexedor, a ocupación “avala a aposta que fixemos para poñer en marcha este proxecto, concibido cun dobre obxectivo. Por unha banda, darlle impulso ao conxunto histórico-artístico de Sargadelos. Por outra, ofrecerlle ás persoas emprendedoras unha opción para iniciar a súa actividade facendo fronte a un custo asumible”, sostivo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here