O éxito das panchas, esgotadas en doce días, supera as expectativas do comercio de Ribadeo

Os clientes cambiaron 40.000 moedas creadas para a campaña de dinamización dos negocios locais, que xa canxearon 10.000

Ana Martínez, Fernando Suárez, Francisco Iriarte e Jesús Pérez cambiando as moedas

As panchas, as moedas creadas para a campaña de dinamización do comercio local ribadense, esgotáronse.

En doce días, as 40.000 divisas “acuñadas” foron cambiadas por euros na oficina bancaria que colabora co Concello de Ribadeo e coa Acisa na posta en marcha da iniciativa.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, destacou o “tempo récord” no que se distribuíu a moeda, que se puxo en circulación o pasado 4 de abril.

“Isto pon no mercado un diñeiro moi importante neste período, se cadra algo baixo desde o punto de vista comercial, con excepción desta Semana Santa“, subliñou o rexedor.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, asegurou que o “éxito”  superara as expectativas dos comerciantes.

“Era a primeira vez que se facía e había que explicarlle á xente como funcionaba isto, pero axiña o entenderon”, comentou sobre a labor dos técnicos que deseñaron a campaña.

10.000 EUROS VENDIDOS

Segundo os datos achegados polos comerciantes á Oficina de Desenvolvemento Local, 10.000 das 40.000 panchas gastáronse xa nos establecementos que se adheriron á campaña.

Iriarte descatou que “o diñeiro está a ser moi repartido, que non se está gastando en dous ou tres sitios senón nos oitenta locais que participan”.

REFERENTE PARA A ZONA

Concello e Acisa coincidiron tamén en destacar o interese que a campaña espertou fóra de Ribadeo. Así, aseguraron que persoas doutros concellos da Mariña Lucense e do Occidente asturiano acudiron á localidade a cambiar os euros por panchas.

Ademias, Iriarte explicou que “asociacións de comerciantes de Galicia e Asturias se interesaran pola iniciativa. Neste senso, Suárez Barcia amosouse convencido de que a iniciativa servirá de modelo para outros concellos.

ATA O 5 DE MAIO

As panchas cambiadas poderán empregarse para os pagos ata o vindeiro 5 de maio, data na que rematará a campaña, que inclúe descontos do 25 por cento.

A información detallada sobre os establecementos adherido pode atoparse en panchamoedalocal.ribadeo.org.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here