O Encontro de Palilleiras completará un atractivo mes de maio en Burela

As Encaixeiras impulsan o día 25 unha actividade que relevará á feira náutico-pesqueira Expomar para atraer visitantes ao municipio

Presentación do Encontro de Palilleiras de Burela. AXM

Burela celebrará o 25 de maio o seu décimo segundo Encontro de Palilleiras, que completará un mes repleto de actividades no municipio.

A cita celebrarase no recinto da feira náutico-pesqueira Expomar en horario de dez da mañá a sete da tarde, parando ao mediodía de dúas a catro e media. A presidenta da asociación As Encaixeiras, Paqui Romo, explicou que “imos ter a degustación de empanada de pescada, as visitas guiadas para coñecer o pobo e a xente palillando. Tamén imos ter unha exposición de traballos feitos pola agrupación”, expuxo.

Sobre a participación, a directiva do colectivo sinalou que “é demasiado cedo para dicir cantas estaremos porque a xente apúntase a última hora e quince días antes é cando o sabemos. O ano pasado fomos 750 persoas e este imaxino que será parecido”, explicou.

MOSTRA DE ABANICOS DESDE O S. XVIII

Unha das novidades deste ano será unha exposición de abanicos desde o século XVIII ata a actualidade de Elena Díaz que, segundo a organización, nunca fixo ningunha mostra en Galicia.

Ademais de Romo, participaron este mércores na presentación do evento o alcalde, o socialista Alfredo Llano, e representantes da confraría de pescadores, da Fundación Expomar, da xefatura territorial do Mar, así coma os concelleiros de turismo, de servizos sociais e do mar, entre outros.

RETORNO ECONÓMICO

Llano salientou que “o mes de maio vai ser especialmente activo no concello de Burela, con celebracións deportivas e o encontro de palilleiras. Destaco a Expomar, que vai ser do 9 ao 12 e vai traer moita xente a Burela. É un evento practicamente dirixido ao sector náutico pesqueiro, pero tamén está aberto a que poida participar calquera persoa que estea interesada no encontro empresarial e nas xornadas técnicas”, indicou.

O rexedor engadiu que “estas actividades atraen a moita xente e sempre se favorece que se coñeza o noso pobo, ademais de traer algún beneficio económico e social, polo tanto imos estar apoiando ás Encaixeiras. Vai ser un mes de maio moi importante para o noso concello e este encontro vai ser un complemento extraordinario para favorecer as visitas, que é o que queremos e que se vaian todos moi contentos”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here