IniciosociedadeA Mariña fíncase como destino turístico tras unha Semana Santa que mellora...

A Mariña fíncase como destino turístico tras unha Semana Santa que mellora as previsións

A ocupación hoteleira rondou o 100% e pasaron pola oficina de turismo das Catedrais 6.099 persoas, case 1.400 máis ca no 2017

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña Lucense viviu unha ponte de Semana Santa positiva, que rachou as mellores previsións das concellerías de turismo e asociacións de comerciantes. A bisbarra confírmase como xeodestino tras un período vacacional que Concellos e empresarios coinciden en calificar como “moi positivo”.

A climatoloxía favorable e as datas máis tardías que as da pasada edición -que convidan a desfrutar de días máis longos- son algunhas das causas ás que se atribúe a afluencia de visitantes. Tamén se responsabiliza á crecente oferta turística e de servizos da Mariña Lucense, cada vez máis variada e profesionalizada.

Viveiro, o principal polo mariñao de atracción de turistas nesta época, recibiu a 40.000 persoas, que se achegaron para desfrutar dos recursos culturais e naturais do municipio e dunha Semana Santa que é de Interese Turístico Internacional.

Segundo o Concello, a oficina de turismo rexistrou 5.000 visitas, de persoas chegadas das 17 comunidades autónomas e de dez países diferentes. A ocupación hoteleira acadou o cento por cento

RIBADEO

No que practicamente supón unha despedida do seu cargo, posto que non concorrerá ás vindeiras eleccións municipais, a edil de turismo de Ribadeo, Ana Martínez, precisou que “7.952 persoas pasaron este días polas dúas oficinas de turismo, a da vila e a da praia das Catedrais, unha cifra que superou o récord acadado en 2017, que se situou naquel momento en 6.500 persoas”.

Neste senso, a concelleira confirma que o poder de convocatoria do areal de Augas Santas medra ano tras ano. “O punto de información turístico das Catedrais experimentou un incremento extremadamente relevante, recibindo 6.099 consultas, que respecto ao ano 2017, o ano récord previo a este, foron 4.695 no mesmo período de tempo”.

GRUPOS ORGANIZADOS

A edil do goberno local ribadense subliñou que de xoves a domingo a ocupación hoteleira rondou o 100% e un pouco menos o resto das xornadas, e que cada vez son máis os grupos organizados que chegan a Ribadeo. Nesta Semana Santa foron un total de 21.

As procedencias dos turistas que estes días visitaron Ribadeo foron, principalmente, Madrid, Euskadi, Castela-León e Galicia. No tocante ao turismo internacional, chegou de Francia, Alemaña e Arxentina. Pasaron polas oficinas ribadenses 503 persoas estranxeiras.

Podemos falar de que Ribadeo superou as súas expectativas de visitantes en Semana Santa e que acada un dos récords históricos neste primeiro período vacacional do ano”, indica Martínez, que agradece o traballo do persoal municipal e dos hostaleiros ribadenses.

A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acisa) de Ribadeo coincide na valoración co Concello, subliñando que a ocupación hoteleira estivo “practicamente ao 100% e non se produciron cancelacións. Bares, restaurantes e terrazas estiveron a tope e pensamos que desde o punto de vista turístico Ribadeo vai a máis”.

FOZ

O alcalde de Foz, Javier Castiñeira, destaca que nestas datas visitaron a Basílica de San Martiño de Mondoñedo arredor de 1.000 persoas.

O rexedor admite que carece por agora de datos de consumo de auga durante os pasados días festivos no municipio, aínda que prognostica “que non van estar lonxe das cifras do mes de xullo”, sostén.

TURISMO DE CATRO ESTRELAS E AUTOCARAVANAS

No tocante á ocupación hoteleira, Castiñeira remarca que “un hotel de catro estrelas vén de crearse en Foz e xa estivo ocupado practicamente ao 100% nesta Semana Santa”. O rexedor engade que “máis de cen autocaravanas pernoctaron no municipio”, para demostrar “que o noso concello atrae a turistas de diferente nivel económico, algo no que debemos seguir traballando”.

Castiñeira asevera que A Mariña Lucense “atrae cada vez máis turistas e máis fieis”, e remarca que as empresas de xestión de actividades de ocio “estiveron a tope”.

BURELA

En Burela, o concelleiro de turismo, Ramiro Fernández Rey, afirma que “estivemos roldando o 100% de ocupación hoteleira durante todos os días da Semana Santa, co cal cremos que é un dato moi positivo”, afirma.

O edil sinala que as xeorutas esgotaron as prazas, “co cal a satisfacción é enorme e seguiremos apostando por elas. Outro recurso turístico que temos, como é o barco-museo Reina del Carmen, tivo un aumento de afluencia dun 40% respecto ao ano pasado”, explica.

Fernández Rey sostén que “seguimos observando que Burela segue a medrar turisticamente”.

ALFOZ

En Alfoz, a oficina de turismo de Alfoz, ubicada no Castelo do Castrodouro, recibiu durante os días festivos a máis de 425 visitantes.

En canto as procedencias, a maioría dos visitantes foron turistas galegos, pero tamén se achegaron persoas doutras comunidades autónomas, destacando Madrid, Asturias e Castela León. Alemaña e Francia dominaron no tocante ás visitas internacionais.

MELLORES SERVIZOS E OFERTA DE OCIO

A polos de atracción indiscutibles como As Catedrais ou a Semana Santa viveirense, A Mariña Lucense engade cada vez mellores servizos –máis prazas hoteleiras, maior variedade na hostalería, aparcadoiros para autocaravanas- e unha oferta de ocio máis abundante diversa.

Visitas guiadas aos principais puntos de interese, rutas de tapas e festas gastronómicas, novos museos temáticos, concertos ou monólogos e enriquecen a proposta turística da bisbarra, valor seguro de temperaturas suaves -nesta edición, máis cálidas que de costume- e de tranquilidade

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...