A Festa da Troita da Pontenova agarda a “10.000 persoas” do 30 de abril ao 1 de maio

Un total de 130 pescadores, oito deles campións do mundo, participarán nunha cita que presenta como novidade unha ruta de sendeirismo gratuíta pola antiga vía do tren

Presentación da Festa da Troita da Pontenova. AXM

A 41 edición da Festa da Troita da Pontenova, declarada Festa de Interese Turístico Galego e de Interese Turístico-Deportivo a nivel español, agarda a 10.000 persoas do vindeiro martes, 30 de abril, ao mércores 1 de maio.

O presidente da Deputación, Darío Campos, xunto ao tenente de alcalde da Pontenova, Francisco Martínez Bermúdez, e o Presidente do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT), Francisco Javier Rois Freijo, entre outras autoridades, presentaron o evento.

Un total de 130 pescadores participará neste evento deportivo ao que acoden pescadores de Galicia, Asturias e outras comunidades. A Festa da Troita converteuse ademais nunha das máis importantes citas gastronómicas da provincia. Segundo expón a organización, “a ocupación hoteleira é do 100%”.

TROITAS DE OURO

O programa comezará o martes 30 de abril, ás 20.00 horas, coa entrega dos entregaranse os recoñecementos ”Troitas de Ouro” a personalidades e entidades relevantes do mundo da pesca.

Nesta edición recibirán as distincións o campión de pesca do mundo a mosca, David García Ferreras; a Fundación North Atlantic Salmon Nasf; o proxecto Arcas de Mesas do Narcea; Leonardo de la Fuente de Radio Marca e Manuel Gómez da tenda de pesca en Chantada Armería Mago.

PROGRAMA

Tamén o martes, ás 21.00 horas, a actriz e presentadora de televisión Isabel Blanco lerá o pregón. A continuación abriranse as casetas de degustación dos troitas.

O mércores 1 de maio, ás 9.00 horas darán comezo os concursos de pesca (lance, salmón e mosca) e a I Ruta de Sendeirismo Festa da Troita Vía Verde.

O roteiro é unha novidade dentro do programa. Trátase dun percorrido gratuíto de 12,5 quilómetros a carón do río Eo que discorrerá pola antiga vía do tren que vai desde Pontenova a Ribadeo e por seis túneles de pedra. A ruta, de catro horas de duración, é de baixa dificultade e apta para todos os públicos.

Nela os participantes poderán observar en directo aos pescadores participando no concurso e ver os lances de ata oito campións do mundo da pesca. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo na oficina de turismo de A Pontenova e no email turismo@concellodapontenova.org.

Ás 18.00 horas entregaranse os trofeos aos gañadores dos concursos. O programa contará ademais con actuacións de bandas de música, verbenas e sesións vermú.

MÁIS DE CATRO DÉCADAS DE TRADICIÓN

Campos destacou que “esta celebración da Pontenova é a segunda festa da troita máis antiga de Galicia. Xa conta con máis de 40 anos de tradición e consolidouse coma un importante revulsivo económico para o Concello da Pontenova e para a contorna da Mariña o cal redunde positivamente na provincia”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here