García di que a residencia está en regra e acusa a Martínez de “meter medo” a quen necesita o servizo

A rexedora de Trabada precisa que a comunicación de cambio de titularidade do xeriátrico foi remitido á Consellería de Política Social e rexistrado pola Xunta o 7 de marzo

A alcaldesa de Trabada, Mayra García. AXM

A alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez, saíu este venres ao paso das declaracións realizadas polo deputado provincial non adscrito, Manuel Martínez, que afirmou que a residencia trabadense é “ilegal” desde o punto de vista xurídico xa que, argumentou, “non ten o Permiso de Inicio de Actividade (PIA), concedido á sociedade do chan (Suplusa), nin os protocolos de actuación dun servizo normal, pois están a actuar con persoal contratado pola propia Deputación de Lugo e ignorando o que se contratou aquí”.

Malia desestimar o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Lugo os recursos interpostos por Suplusa -presidida por Martínez e na que o Partido Popular (PP) ten maioría no consello de administración- contra as residencias de Pol e A Fonsagrada, e pese a confirmarse este mesmo venres un terceiro revés xudicial ao entender o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 que “non hai razóns” para paralizar a construción do xeriátrico de Guitiriz, o deputado non adscrito insiste na súa intención de frear a apertura dos servizos.

TRAS DESESTIMAR A XUSTIZA MEDIDAS CAUTELARES CONTRA OS XERIÁTRICOS DE POL E A FONSAGRADA, O XULGADO REXEITOU TAMÉN PARALIZAR O DE GUITIRIZ

MARTÍNEZ AMEAZA CON DENUNCIAR

Martínez afirmou este venres que presentará denuncia “nos xulgados e ante a Xunta de Galicia” contra o xeriátrico trabadense, o primeiro aberto a partir dun convenio pioneiro entre a Deputación e os concellos, e as restantes residencias por abrir na provincia a través deste pacto, aínda que non presentará recursos ás sentenzas xudiciais contrarias a Suplusa.

CAMBIO DE TITULARIDADE FORMALIZADO

No tocante ao PIA, a rexedora de Trabada precisa que a comunicación previa de cambio de titularidade da residencia –asumida pola Deputación trala sentenza en contra de Suplusa– foi remitida á Consellería de Política Social e rexistrada pola Xunta o pasado 7 de marzo, de xeito que o trámite “é perfectamente válido”.

García Bermúdez censura que “o deputado non adscrito e mailo PP estean a xerar confusión e mesmo medo aos dez trabadenses que son usuarios da residencia e a aqueles que aínda non o son pero precisarían do servizo“.

dez trabadenses benefícianse do primeiro xeriátrico aberto tralo convenio entre deputación e concellos

“CARREIRA DE FONDO”

A rexedora asegura que a apertura da residencia e centro de día -cunhas 50 prazas- “foi unha carreira de fondo”, e lembra que “houbo que aprobar todo un rexime xurídico do servizo, contratar unha cociña pois non queriamos cátering para a veciñanza, houbo que facer uns pregos e ordenanzas e regulamentos de rexime interno que non alegou axeitadamente ninguén“, expón.

“Diciamos que a residencia ía ser para os veciños de Trabada con independencia da súa capacidade económica e hai persoas con pensións non contributivas ou sin pensións, por cobrala o cónxuxe que a ten a cargo. Demostrámolo”, afirma.

“FAN DANO POR VOTOS”

“É triste que haxa xente que fai dano por réditos electorais. Xa que Martínez e o PP non axudaron a abrila, polo menos que non sigan desprestixiando un servizo tan necesario para a veciñanza de Trabada”, argumenta.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here