A CIG esixe que se manteña o técnico e que a ambulancia medicalizada funcione as 24 horas

A central nacionalista pide á dirección do Hospital Público da Mariña que se posicione en contra do recorte

Ambulancia medicalizada. AXM

A CIG Saúde esixiu este martes o mantemento da dotación completa de persoal da ambulancia medicalizada de Foz, tras trascender que os novos pregos do contrato ofertado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o 061 recollen a eliminación dun Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES).

A central nacionalista lembra que a de Foz será a única ambulancia de soporte vital avanzado de Galicia que sofre este recorte, que entende como “un novo ataque contra a sanidade da comarca, que converte aos mariñaos en cidadáns de segunda”.

O sindicato frontista sitúa esta situación nun contexto de “perda de recursos económicos e humanos” trala “implantación da Xerencia Integrada e a supresión da área sanitaria”.

A CIG considera “unha burla a toda a veciñanza da Mariña Lucense” que o 061 asegure publicamente que o novo modelo de ambulancia de Foz mellorará o servizo coa perda dun TES, “cando esta é unha figura fundamental na asistencia ás emerxencias en moitas patoloxías onde o tempo de resposta é vital”.

Ademais, sinala que “estas ambulancias deben prestar servizo as 24 horas, os 365 días do ano, algo que, advirte a CIG Saúde, se incumpre na Mariña Lucense ao prestar servizo só 12 horas”.

INSTA Á DIRECCIÓN DO HOSPITAL A MEDIAR

A central nacionalista esixe a mediación da xerente executiva do Hospital Público da Mariña, María José Cortés Canay, que segundo o sindicato debe manifestarse contra o recorte “e demostrar así que traballa para garantir unha atención sanitaria digna para a cidadanía da Mariña”.

UNS 135 PROFESIONAIS MÁIS EN GALICIA

Mentres recorta a figura dun TES na ambulancia medicalizada na Mariña Lucense, unha decisión que argumenta en base a “estudos” sobre os “tipos de servizos realizados”, o 061 Galicia prevé incorporar doce médicos, 24 enfermeiros e cerca de cen técnicos de emerxencias sanitarias no novo modelo asistencial da Rede de Transporte Sanitario Urxente Terrestre (RTSU).

O orzamento do servizo na Mariña Lucense, de feito, contempla un aumento do gasto próximo ao medio millón de euros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here