Os alcaldes socialistas da Mariña esixen a “paralización” do recorte na ambulancia medicalizada

Os rexedores da Pontenova, Alfoz, Lourenzá, Trabada, Burela, O Valadouro, Viveiro e Ourol emprazan á Xunta a anular o contrato do transporte urxente sanitario terrestre

Reunión dos alcaldes socialistas cos traballadores. AXM

Os alcaldes e candidatos do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE) á alcaldía dos municipios da comarca lucense da Mariña acordaron enviar un manifesto á Xunta de Galicia para solicitar a “paralización inmediata” do novo contrato para o servizo de transporte sanitario urxente terrestre, que contempla o recorte dun Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) dos dous cos que conta a ambulancia medicalizada de Foz.

Os rexedores da Pontenova, Alfoz, Lourenzá, Trabada, Burela, O Valadouro, Viveiro e Ourol expresan o seu “máis severo reproche a este inaceptable recorte” no texto, remitido á Consellería de Sanidade e á xerencia do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Podes consultalo ao completo no seguinte enlace. Manifiesto-Ambulancia-medicalizada-Foz

A decisión, segundo informan desde o partido socialista, foi adoptada despois da reunión mantida polos rexedores socialistas e o secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, con traballadores do 061 do centro de saúde de Foz.

Os socialistas lembran que ese contrato non só contempla a supresión dun TES para a ambulancia que dá servizo á veciñanza de toda a comarca, senón que a de Foz será a única das dez ambulancias medicalizadas distribuídas por toda Galicia á que se recurta persoal co novo contrato.

Santos Ramos considera que o Sergas toma unha decisión “totalmente arbitraria” que responde “á vontade política de cambiar o sistema e utilizar aos 72.000 veciños da Mariña como proxecto piloto sen ter en conta a súa saúde”.

Os socialistas aféanlle ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que non recibise aínda aos traballadores mentres si se citou cos alcaldes de Foz e Barreiros.

RECOLLIDA DE SINATURAS

Trala realización dun vídeo reivindicativo coa participación de pacientes atendidos pola dotación completa -de dous TES, un enfermeiro e un médico- da ambulancia medicalizada da Mariña, e de empapelar a comarca con esquelas reivindicativas, os obreiros seguen a protestar contra o recorte e iniciaron por este mesmo motivo unha campaña de recollida de sinaturas en Change.org.

Case 1.200 persoas asinaron a petición dos TES nas primeiras 18 horas desde a súa publicación, cifra que continúa en aumento. “Unha vez máis ponse de manifesto as diferencias na asistencia que padecen os pacientes do rural e das áreas con maior dispersión xeográfica”, expoñen os técnicos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here