Viveiro colocará rádares entre xuño e agosto nas entradas ao núcleo

O Concello sinala que recibiu "sen explicacións" o estudo de dinámica de litoral da praia de Covas

Radar móbil da DXT. EUROPA PRESS

O Concello de Viveiro instalará durante os meses de xuño, xullo e agosto rádares de control de velocidade nas tres entradas ao núcleo –Celeiro, Covas e Magazos– e tamén na zona dos colexios.

A medida enmárcase dentro do convenio de colaboración do goberno local coa Xefatura Provincial de Tráfico. Dentro deste acordo, decidiuse instalar controis alternos nos puntos do termo municipal onde houbese excesos de velocidade ou accidentes por este motivo.

O Concello resalta que a medida tamén responde a demandas dos cidadáns. “Veciños de lugares como a avenida de Cervantes, rúa semipeatonal, ou Celeiro, quéixanse de que hai coches que pasan a moita velocidade”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

A rexedora explica que xa se realizaron controis durante o inverno e que volverán facerse no verán, “co obxectivo de que non haxa accidentes nunha época do ano na que Viveiro chega a triplicar a súa poboación”. O goberno local solicita que se respecten os sinais de tráfico e lembra que a velocidade máxima no núcleo é de 50 quilómetros por hora.

MALESTAR CON PORTOS DE GALICIA

O goberno local recibiu un DVD co estudo realizado por Portos de Galicia para solucionar o problema da praia de Covas, que se degrada día a día pola acción do mar co conseguinte perigo para as vivendas situadas preto da costa.

Loureiro lembra que a finais do mes de maio remitiron un escrito á entidade autonómica “para que informase ao goberno local e aos veciños dos avances na realización do estudo, e agora atopámonos con que o recibimos sen ningún tipo de explicación. Cremos que merecemos un mellor trato”, explica a rexedora, que analizará o proxecto nos vindeiros días xunto coas persoas afectadas pola situación da praia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here