IniciosociedadeO comercio da Mariña convidará á mocidade a "desvirtualizarse" e mercar nos...

O comercio da Mariña convidará á mocidade a “desvirtualizarse” e mercar nos negocios locais

O colectivo de empresarios desenvolverá este mes unha campaña de concienciación en prensa, cinema, radio, televisión e internet

Publicada o

- Advertisement -

A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) presentou este venres no Cenima de Foz a campaña de concienciación que desenvolverá durante o mes de xuño en prensa, cinema, radio, televisión e internet, e que convidará á veciñanza da comarca a “desvirtualizarse” e comprar nos negocios locais.

Compra na Mariña, desvirtualízate presentarase en varios formatos: con chapas e pins, que lucirán os empregados dos establecementos asociados; con servilletas, que estarán presentes nos locais hostaleiros; con valados publicitarios e con anuncios en radio, en prensa, no cine, na televisión e nas redes sociais, para tentar chegar ao maior número de persoas posible.

TOCAR, ULIR, PROBAR

O principal destinatario da campaña, segundo explican desde a FCAM, “é a xente nova, que é a que máis compra a través de rede”. Os cinco sentidos son protagonistas das mensaxes positivas que estarán presentes en toda a comarca, resaltando que os comercios locais permiten “entrar, mirar, tocar, ulir, probar…”, indican.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurou que respaldar o comercio de proximidade “tamén é apostar pola sostibilidade”, en referencia aos “traballadores locais, a atención personalizada, os produtos da zona e a redución de embalaxes e de transportes”.

“PRIORIDADE ÁS PERSOAS”

Sobre a importancia do comercio local falou tamén o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e alcalde de Burela, Alfredo Llano: “a xente sabe dos negocios locais saben quen es, os gustos que tes, o que pode ofrecerche, e vaicho dar perfectamente, vai quedar contigo e ter a responsabilidade inmediata de atenderte. Sabe moi ben como debe cumprir e nosoutros tamén queremos que sexades conscientes de cumprir con eles”, rematou.

Pola súa banda, o alcalde en funcións de Foz, Javier Castiñeira, manifestou que “humanizar é a primeira ferramenta que podemos ter contra a globalización, ou sexa, darlle prioridade ás persoas. Hai que poñer eses valores por diante, seguir humanizando o noso comercio”, concluíu.

PRETO DOS MIL SOCIOS

O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, lembrou que a agrupación “leva sete anos cun obxectivo común e claro, que é facer pobo e facer Mariña, é do que se trata. Tratamos de estar todos xuntos e este ano pasiño a pasiño un dos obxectivos é chegar aos mil socios, desde Ribadeo ao Vicedo, e con Lourenzá agora mesmo”, subliñou.

Ao acto celebrado este venres asistiron representantes das Acias que forman parte da FCAM, así coma o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Turismo de Viveiro, Marisol Rey.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...