Afrontan seis meses de prisión e 18 de inhabilitación por esquecer unha gasa no abdome dunha paciente

Dous xinecólogos do Hospital Público da Mariña están acusados dun suposto delito de lesións por imprudencia grave, ao non retirar o apósito logo dunha operación

Hospital Público da Mariña. AXM

EFE. Dous xinecólogos do Hospital Público da Mariña serán xulgados o vindeiro xoves no Xulgado do penal número 1 de Lugo por un suposto delito de lesións por imprudencia grave, por esquecer unha gasa cirúrxica no interior do abdome dunha paciente que foi sometida a unha intervención no ano 2014.

A Fiscalía pide para cada un dos acusados unha pena de seis meses de prisión e 18 de inhabilitación para o exercicio da súa profesión, ademais dunha indemnización de 36.303 euros para a paciente.

“NON SE FIXO RECONTO” DAS GASAS

De acordo co escrito da acusación, a paciente foi sometida a “unha operación cirúrxica programada”, que tivo lugar o 11 de febreiro de 2014 no Hospital da Costa, e que se desenvolveu “con aparente normalidade”.

Con todo, precisa o ministerio fiscal, no transcurso da operación quedou abandoada “no interior da cavidade abdominal” da doente “unha gasa cirúrxica”, a causa dunha “omisión” por parte dos cirurxáns á fronte da intervención.

Entre outros motivos, a Fiscalía subliña que “non se fixo reconto das gasas”, porque doutro xeito os acusados “detectarían a falta dunha delas de forma inmediata”.

NOVA INTERVENCIÓN

A paciente padeceu lesións que a obrigaron a someterse a un “novo tratamento médico cirúrxico” e a outra intervención para retirarlle o apósito do interior da cavidade abdominal, que se levou a cabo en novembro do 2015.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here