Viveiro terá stand en Turexpo, que facilitará reunións entre hoteis e tour operadores

O Concello disporá na feira, do 6 ao 9 de xuño, exposicións sobre a Semana Santa, vídeos promocionais e unha degustación de pescada do pincho de Celeiro

O Concello de Viveiro anunciou que o municipio contará cun stand propio na oitava edición de FesturTurexpo, o salón turístico de Galicia, evento que se celebrará en Silleda do 6 ao 9 de xuño.

Segundo expuxo o goberno local en funcións, Viveiro terá un posto individual no que se ofrecerán folletos promocionais e información sobre o concello e no que se instalará unha pantalla de grandes dimensións na que se proxectarán, de forma continuada, os vídeos de promoción turística deste municipio e mais da Semana Santa.

Ao longo dos catro días, o stand de Viveiro contará coa atención do persoal da oficina de turismo. A concelleira de turismo en funcións, Marisol Rey Yáñez, e o tenente de alcalde e concelleiro de mar, Suso Fernández, desprazaranse a Festur o xoves e máis o sábado.

A presenza do Viveiro na feira “servirá para dinamizar o seu atractivo turístico, dando a coñecer as celebracións e demais recursos do municipio”, expón a alcaldesa en funcións, a socialista María Loureiro.

MOSTRA SOBRE A SEMANA SANTA

O stand de Viveiro en Turexpo tamén acollerá unha exposición sobre a Semana Santa, na que se mostrará diverso material das confrarías, e unha degustación gratuíta da pescada de Celeiro, que terá lugar o sábado 8 de xuño, ás 13.00 horas, na que se ofrecerá aos visitantes unhas 300 racións de empanada de merluza.

Colaboran nestas dúas iniciativas a Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro, a Asociación Cultural e Deportiva Penalba e de Puerto de Celeiro.

BOLSA DE TRABALLO

Por outro lado, cómpre facer referencia á existencia dunha bolsa de traballo, que permitirá que os hoteis rexistrados na mesma concerten reunións cos distintos tour operadores presentes na feira. A concelleira de turismo facilitou aos establecementos hostaleiros unha lista coas empresas que estarán presentes e un formulario para solicitar as reunións con aqueles que lles interesen. Para posibilitar as xuntanzas, o Concello disporá un workshop ou taller.

VISITA O DÍA 8 A VIVEIRO

Coincidindo coa feira, o Concello organizou unha visita, o 8 de xuño, dun total de 30 tour operadores a Viveiro. Achegaranse empresas de Portugal, Italia, Irlanda, Suecia, Suíza, Alemaña, Brasil, Finlandia, Rusia, ou os Estados Unidos. O goberno local perfilou un programa de actividades no que se inclúe un xantar, unha ruta en barco pola ría e unha visita guiada.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here