Deputación e Concello asinan o convenio da residencia de Ourol, dotado con 1,4 millóns

Os gobernos local e provincial realizarán estudos xeotécnicos e de control da estrutura do antigo colexio, pechado en 2015 e que acollerá o xeriátrico

Campos, á esquerda, e Pajón asinan o acordo para a residencia de Ourol. AXM

O presidente da Deputación de Lugo en funcións, Darío Campos, e o alcalde de Ourol en funcións, José Luís Pajón, asinaron este xoves o convenio de colaboración entre os gobernos provincial e local para construír un centro de día e residencia públicos.

Dun investimento total de 1,4 millóns de euros, o goberno provincial destina 1,2 millóns de euros e o executivo municipal outros 200.000 euros, ademais dos terreos dos que xa dispón.

EDIFICIO EN DESUSO

O Concello xa entregou á Deputación a certificación catastral da parcela e a resolución da Consellería de Educación sobre a desafección do CEIP Vicente Casabella, que a Xunta de Galicia pechou no 2015.

Deste xeito, dende o goberno municipal recupérase un inmoble en desuso dándolle utilidade pública e social, cunha infraestrutura moi necesaria para os maiores da zona.

CINCUENTA PRAZAS

Logo da sinatura deste convenio, Deputación e Concello realizarán en primeiro lugar os estudos xeotécnicos e de control da estrutura existente para logo redactar o proxecto básico.

A previsión é a de respectar o pioneiro modelo de centros de maiores que desenvolveu a Deputación en colaboración cos Concellos, ofrecendo unhas 50 prazas en total, 30 de residencia e 20 de centro de día.

Tamén se garante unha xestión pública; que as prazas sexan de xeito preferente para os veciños do concello onde se sitúa a residencia e centro de día, en segundo termo para os dos municipios limítrofes e da comarca e logo para lucenses en xeral; e o acceso universal da veciñanza, independentemente da súa situación económica.

A METADE DOS VECIÑOS, MAIORES DE 65 ANOS

Campos destacou que “continuamos a construír na provincia unha rede de residencias e centros de días públicos para os nosos maiores pois existe unha necesidade real de desenvolver este tipo de servizos, dado o envellecemento poboacional na provincia”.

Pajón agradeceu a “constante colaboración do goberno da Deputación” e reforzou a idea exposta por Campos, dado que “preto do 50% da veciñanza de Ourol supera os 65 anos de idade, o que dá mostra da importancia de desenvolver iniciativas coma estas”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here