Aberto o prazo para participar nas visitas guiadas á Illa de Ansarón

O Concello de Xove impulsa un ano máis as rutas en embarcación, que se celebrarán os días 20 e 21 de xullo e 10 e 11 de agosto

Saída dunha das embarcacións nunha edición anterior. AXM

O Concello de Xove organiza un ano máis as visitas guiadas á illa de Ansarón, dentro do proxecto Construír o Futuro de Xove Mirando ao Mar que financia o Galp Mariña-Ortegal. Celebraranse os días 20 e 21 de xullo e 10 e 11 de agosto. Está aberto o prazo de inscrición para a primeira quenda.

As visitas, coordinadas por Emarela e operadas por Maremasma, sairán desde o Portiño de Morás o sábado 20 ás 16.00, 17.30 e 19.00 horas, e o domingo 21 ás 10.00, 11.30 e 13.00.

É necesario reservar praza a través da web do proxecto e pagar unha fianza de 30 euros, que se devolverá unha vez finalizada a visita. Repetiranse o sábado 10 e o domingo 11 de agosto, pero as inscricións están cerradas polo de agora.

A embarcación bordea os Cantís de Papel e a Illa de Ansarón cruzando entre as Salseiras antes de voltar a porto.

GUÍA

A bordo, o educador ambiental Diego Vázquez Miramontes irá descubrindo o ecosistema e a biodiversidade da zona.

O guía realizará unha breve introdución ao tránsito das baleas pola costa cantábrica; faranse avistamento das aves que habitan os cantís de Morás e das colonias de gaivotas e cormoráns que viven en Ansarón; e farase especial fincapé no percebe e o polbo, protagonistas das dúas festas gastronómicas que integran o proxecto.

DE SETE ANOS EN DIANTE

A idade mínima para participar nestas visitas é de sete anos e os menores precisarán da compaña dun adultoNa edición anterior as prazas dispoñibles esgotáronse axiña polo que convén reservar o antes posible.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here