A residencia de Ribadeo abrirá o venres

O alcalde en funcións celebra que a apertura do xeriátrico, con 30 usuarios que se incorporarán gradualmente, demostra que "cando se traballa polo ben común todo resulta"

Sinatura do convenio da residencia entre Deputación e Concello de Ribadeo. AXM

O Concello de Ribadeo anunciou que a nova residencia de persoas maiores abrirá o vindeiro venres, 14 de xuño. Será o terceiro xeriátrico, tralas de Trabada e Pol, que se pon en marcha a través dun convenio pioneiro entre a Deputación de Lugo e os gobernos municipais.

Oito usuarios desfrutarán do servizo desde o día da apertura. Na semana seguinte incorporaranse outros oito, e así sucesiva e gradualmente ata dar acubillo a preto de 30 persoas, que teñen aprobadas as súas solicitudes pola comisión de seguimento, formada por técnicos municipais e provinciais.

Nos vindeiros días seguiranse a analizar novos expedientes, segundo expuxo o alcalde de Ribadeo en funcións, o nacionalista Fernando Suárez Barcia.

AGRADECEMENTO A ASOCIACIÓNS E CORPORACIÓNS

O rexedor celebrou que o servizo estará operativo “despois de moitas horas de traballo, coordinación e cooperación. Isto demostra que cando se aplica a lei e se traballa desde a boa vontade polo ben común, todo acaba resultando”, afirmou.

Suárez Barcia mostrou o seu agradecemento ás dúas corporacións que traballaron ao longo dos últimos oito anos na consecución do proxecto, así como “ás asociacións de veciños que impulsaron este traballo colectivo”.

Así, convidou á inauguración do xeriátrico ao presidente da Deputación, Darío Campos, ao anterior vicepresidente da entidade provincial, o nacionalista Antonio Veiga, e aos representantes das forzas políticas locais.

CONVITE Á VECIÑANZA

Suárez Barcia tamén convida á veciñanza a achegarse pola residencia para comprobar o funcionamento “desta especie de hotel de primeira calidade para que os nosos maiores pasen os seus últimos anos de vida. Calquera veciño que se achegue será benvido”, salientou.

“SEGURIDADE XURÍDICA”

O alcalde de Ribadeo en funcións, que renovará mandato a partir do vindeiro sábado, subliñou que “malia lados escuros da política e cloacas”, a residencia “nace cunha seguridade xurídica. Non quixemos forzar a máquina para abrir este servizo antes das eleccións municipais. Agora a veciñanza poderá comprobar que o que diciamos era certo”, sinalou.

XESTIÓN PÚBLICA

Segundo o convenio entre Deputación e Concello, “ninguén quedará excluído” da mesma “polos seus ingresos”. Suárez Barcia tamén fixo fincapé en que a preferencia no tocante ás 47 prazas será “para os ribadenses”, despois para habitantes da comarca, e finalmente para persoas da provincia de Lugo.

A empresa Clece será a concesionaria das prestacións e da atención do xeriátrico, mentres que o acordo entre os gobernos provincial e local blinda a súa xestión pública.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here