Luz verde de Patrimonio á ampliación da estrada no Couto de Otero, en Mondoñedo

O Concello tramita a dispoñibilidade de terreos e licitará as actuacións, que consistirán en anchear por ambas marxes a vía que une a capital municipal con Lindín

Estrada de titularidade municipal ao seu paso polo barrio mindoniense de Couto de Otero. AXM

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural remitiulle ao Concello de Mondoñedo o informe favorable ás obras de ampliación da estrada no Couto de Otero, o que conleva a posta en marcha da licitación das actuacións. Con este paso o goberno local tramita xa a dispoñibilidade de terreos, un acordo que aprobou o Pleno por unanimidade.

O goberno local solicitoulle á Xunta o pasado mes de marzo a autorización das obras de ampliación dunha vía de titularidade municipal no lugar de Couto de Otero, na parroquia de Nosa Señora do Carme.

As obras teñen por obxecto mellorar unha infraestrutura viaria de titularidade municipal, en concreto, a que vai da estrada LU-124 cara o barrio de Couto de Otero e que constitúe a vía máis directa que comunica o núcleo urbano de Mondoñedo coa parroquia de Lindín.

Determinados treitos da vía presentan anchos moi reducidos e limitados entre os muros de peche e de contención existentes, polo que se proxecta ancheala ao tempo que se adapta á aliñación que marca o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O planeamento contempla a ampliación do camiño por ambas as marxes ata o comezo do solo rústico.

ZONA DO CAMIÑO E ACCESO Á A-8

As obras solicitadas sitúanse dentro da delimitación do territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte, polo que cómpre da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. No permiso indícase que o ancheamento da vía resulta “imprescindible” para proporcionar máis seguridade ás persoas que a usen nun suposto excepcional como é a saída dunha vía de alta capacidade, a A-8.

ACTUACIÓNS

Así, segundo expón o Concello, previamente rozarase e limparase o terreo coa retirada da terra vexetal; derrubarase o muro de contención e peche e os pasos salvacunetas existentes; así como o pavimento que sexa necesario retirar para executar o novo paquete de firme.

A continuación, escavarase por medios mecánicos para a retirada de terras tras o muro e xunto á calzada para a ampliación da caixa do firme e a cuneta; acometerase a execución dunha gabia para aloxar a canalización do cableado; construirase muro de pedra e pasos salvacunetas; e disporase unha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente, ademais de pintar as marcas da vía e recolocar os sinais.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here