O Concello prestará material para as comidas do Mercado Renacentista unicamente a particulares

O Concello pide a quenes queiran organizar comidas no casco que detallen "a ubicación exacta e metros a ocupar" das mesas, dado que se constataron diferenzas importantes en anos anteriores

Comida na pasada edición do Mercado Renacentista. AXM

O Concello de Viveiro anunciou este martes que na vindeira edición do Mercado Renacentista, do 11 ao 14 de xullo, repartirá unicamente material -cadeiras e mesas- para as comidas e ceas de particulares, non para as empresas, como viña facendo.

O goberno local en funcións sinala que “tendo en conta que todas as previsións apuntan ao incremento das comidas e ceas servidas polos locais de hostalería e tendo en conta, así mesmo, que o material de titularidade municipal nunca alcanza para cubrir a demanda existente, nesta edición, o Concello adoptou a decisión de facilitar o préstamo de mesas e cadeiras unicamente para comidas e ceas, que teñan lugar o sábado, organizadas por particulares”.

O goberno local expón que “fai pública esta decisión, cando aínda falta un mes para a súa celebración, para que os locais de hostalería poidan conseguir pola súa conta o material que precisen”.

Os particulares que se queiran beneficiar dos préstamos deberán presentar unha solicitude por escrito, no rexistro municipal do consistorio, indicando o material solicitado, o lugar no que se vai colocar a mesa, o número de participantes e o espazo público a ocupar, debendo axuntar documentación na que se reflexe a ubicación exacta e metros a ocupar. Do mesmo modo deben facelo os locais de hostalería que queiran organizar comidas e ceas na rúa.

“DATOS REAIS”

Dende o Concello quérese insistir na necesidade de que os datos que se faciliten nos escritos sexan o máis exactos posibles, dado que nas edicións pasadas “tense constatado unha diferencia notable entre as cifras comunicadas e as reais”.

Esta información, expón o goberno local, será valorada na xunta de seguridade que se celebre ao respecto, co fin establecer os lugares nos que procede ou non autorizar a colocación de mesas. Con esta información, ademais, vanse determinar os lugares do interior do casco histórico nos que o concello vai instalar baños sanitarios.

O PRAZO, ABERTO O VINDEIRO LUNS

As solicitudes para a colocación de mesas na rúa e para o préstamo de material deben presentarse no rexistro municipal entre o 17 e 30 de xuño de 2019. Non se atenderá ningunha solicitude presentada con posterioridade.

Para determinar o número de mesas e sillas que se presta a cada solicitante, terase en conta o número total de solicitudes e a disponibilidade do material non garantindo que se poida satisfacer o 100% das necesidades de cada solicitante e intentando, en todo caso, distribuír o material existente entre todos as solicitudes.

Os solicitantes deberán recoller e devolver o material concedido no lugar, data e hora que se lles será comunicado con antelación.

POSTOS DE ARTESANÍA

As persoas empadroadas no Concello de Viveiro que realicen traballos de artesanía que queiran instalar un posto de venda na feira deberán presentar unha solicitude no rexistro municipal entre o 17 e o 30 de xuño de 2019, facendo constar os produtos que se pretende ofrecer e acompañando a solicitude dunha declaración xurada conforme dispoñen de todos os permisos necesarios para a actividade. A instalación destes postos será gratuíta.

PROGRAMA

Nos próximos días vaise presentar o programa da Feira Renacentista. Trátase, sinala o goberno local, dunha programación máis ampla que en edicións anteriores, que comezará o mércores e que ten como obxectivo ambientar a cidade durante toda a semana con actividades culturais ou musicais.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here