Tres anos e medio para Silvaje por roubar “ducias” de bens relixiosos en Ribadeo e Trabada

A Audiencia Provincial de Lugo condena a un ano e tres meses de prisión ao coleccionista de Mondoñedo que permutou obxectos que lle entregaba o ex párroco

José Emilio Silvaje (esquerda) e José Jaime de Orozco. EFE

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou o que foi cura entre 2008 e 2012 de varias parroquias nos termos municipais de Ribadeo e Trabada, José Emilio Silvaje, a tres anos e medio de cárcere como autor dun delito continuado de apropiación indebida.

O tribunal tamén sentenciou a un ano e tres meses de cárcere, como autor dun delito de receptación, a José Jaime de Orozco, coleccionista de Mondoñedo que permutou algúns dos obxectos que lle entregou o relixioso.

A Fiscalía pedía catro anos e seis meses de prisión para o Silvaje e un ano e medio de cárcere para de Orozco.

ENTRE 2008 E 2012

Entre 2008 e 2012, Silvaje foi nomeado párroco das parroquias de Santa Eulalia de Vilaosende, San Pedro de Arante, Santa María Magdalena de Cedofeita, Santiago de Couxela, San Vicente de Cubelas, San Juan de Vilamartín Pequeno, Santa Eulalia da Devesa, San Pedro de Rinlo e San Lorenzo de Vilaframil, en Ribadeo; tamén de Santa María Magdalena de BalboaSan Xiao de Sante e San Mateo de Vidal, en Trabada.

Os xuíces relatan na resolución que o sospeitoso se apoderou e incorporou ao seu patrimonio “decenas de obxectos relixiosos e de culto e imaxes relixiosas, así como mobles e outros obxectos pertencentes ás parroquias”.

Algúns estaban recollidos no inventario artístico de Lugo e a súa provincia e outros figuraban na lista de bens da Igrexa católica e o Ministerio de Cultura.

En todo caso, sinala o tribunal, todos os obxectos roubados, “como bens de Institucións Eclesiásticas, están sometidos a un rexime de especial naturaleza recoñecida polas leis estatal e autonómica de Patrimonio Histórico e Cultural, e polo tanto protexidos“.

INDEMNIZACIÓN AO BISPADO

O expárroco deberá indemnizar ao Bispado de Mondoñedo-Ferrol polos efectos non recuperados na cantidade que se acredite en execución de sentenza.

“DECIDIU QUE VALORES TIÑA E CALES NON”

Os maxistrados consideran acreditado na sentenza que o expárroco, que era o encargado de coidar os bens pertencentes á Iglesia, se apropiou de parte deles e deulle outros ao outro acusado, “ademais de arrogarse a potestade -da que non dispuña- de decidir que bens tiñan valor e cales non“.

A sentenza expón que a “especial protección” anteriormente mencionada dos bens relixiosos obriga a contar coa “necesaria autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural” para “as intervencións que se pretendesen sobre os mesmos”, así como a obrigación de “comunicar calquera traslado e cambio de ubicación” e a “prohibición de transmisión a particulares e empresas“.

Ademais de que non outorga “facultade” a Silvaje para decidir levar a cabo unha restauración “pola súa única vontade”, a Audiencia Provincial de Lugo non considera “cribles” as explicacións dadas por Silvaje no tocante á desaparición doutros bens, que o ex cura asegurou que levara a rehabilitar a Valencia ou ás monxas Clarisas.

As propias freiras negaron durante o xuízo a recepción dun manto da Virxe das Dores que Silvaje asegurou cederlles para a súa restauración.

DE OROZCO “COÑECÍA” A PROCEDENCIA DOS BENS

Os bens que, segundo a sentenza, Silvaje lle deu a De Orozco foron unha campá de ferro fundido do século XVIII, unha imaxe de San Francisco do século XVIII, dous reposteiros de tela, dúas estanterías, varias pezas dun altar, un confesionario, un armario sen porta, un reclinatorio e dúas estanterías rotas.

O tribunal tamén asegura que o condenado por receptación tiña “coñecemento da ilícita procedencia dos bens e obxectos que lle eran entregados”.  De Orozco permutou a campá, a imaxe de San Francisco e dous sagrarios a cambio de dous cadros nun establecemento da Pontenova.

EFECTOS NON RECUPERADOS

O tribunal tamén recolle na sentenza os efectos non recuperados: unha imaxe de San Xosé e unha casulla branca da parroquia de Sante; dúas cómodas da Devesa; unha imaxe de San Francisco, dous misais antigos, dous candelabros de metal e unha bandexa de prata de Rinlo.

Tamén un manto da Virxe das Dores bordado en ouro, unha cruz, unha cómoda antiga e un banco da parroquia de Cedofeita; dous pares de floreiros de Balboa; e tres misais antigos, un cáliz de prata, un portaviáticos de prata, unha cruz de latón, unha mesa do século XVIII e unha cruz de altar de Vidal.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here