O proxecto do alumnado de Bioloxía do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo ‘O da la miúda‘, para o estudo do lobo ibérico na comarca da Mariña Lucense, gañou un dos seis primeiros premios aos mellores proxectos científicos da trixésima edición do Certamen Jóvenes Investigadores, que convocan o Instituto da Xuventude (Injuve) e o Ministerio da Ciencia, Innovación e Universidades.
Tres alumnas –María Bouso Posada, Xiana Rego Fernández e Ana Rubal Sánchez– foron as encargadas de presentar o proxecto, que estuda a distribución, a etoloxía e a fenoloxía desta especie nas proximidades do centro educativo, baixo a coordinación do profesor Óscar Chao Penabad.
No concurso participaron 40 proxectos, que o alumnado debeu defender estes días no Centro Eurolatinoamericano de Juventud (Ceulaj) de Mollina (Málaga).
PROXECTO REBINXE
Trátase dun premio a unha nova iniciativa enmarcada no Proxecto Rebinxe, que tenta que o alumnado exerza un papel mediador nos conflitos entre a veciñanza e os animais á vez que se familiariza coas características das distintas especies.
A tarefa de atopar un equilibrio e unha convivencia entre o cánido e os seres humanos segue pendente, e ao longo dos últimos anos as administracións non foron capaces de atopar unha alternativa aos ataques para as persoas que viven en plena natureza.