Quico Martínez: “lembrar é a miña segunda loita”

O guerrilleiro berciano desprazarase á Mariña para participar no homenaxe ao Gardarríos e a Antonia Díaz

Quico Martínez. AXM

Quico Martínez (Cabañas Raras, León, 1925) ten 93 anos, pero a vindeira fin de semana fará 960 quilómetros. É a distancia que separa Alacante, onde reside, de Mondoñedo e Lourenzá, as sedes da homenaxe aos guerrilleiros antifranquistas Luís Trigo Chao, ‘O Gardarríos’, e Antonia Díaz. Un dos poucos integrantes vivos da Federación de Guerrillas León-Galicia, o berciano mantén o compromiso por dar a coñecer a historia dos seus compañeiros.

Vai facer unha longa viaxe. Que importancia teñen para vostede actos coma o do vindeiro sábado?

Para min, participar é unha obriga. Podemos dicir que esta é a miña segunda loita, tentar de encher o baleiro informativo -nos arquivos, nas escolas, nos medios de comunicación- que hai sobre os meus compañeiros, sobre tantos que foron perseguidos, asasinados ou descalificados, tratados de ‘bandoleros’. O franquismo tentou sempre de baleirar de contido a nosa loita, de quitarlle un carácter político, de tratarnos de delincuentes, cando o que eramos era unha resistencia a unha ditadura. Por iso trato de estar onde podo e tamén neste acto. Déixame satisfeito que varias corporacións municipais (Mondoñedo, Lourenzá, Ribadeo) se sumasen. 

“déixame satisfeito que varias corporacións se sumasen ao acto”

INFANCIA

Que lembra do golpe de Estado e como afectou á súa familia?

Meu pai era zapateiro, viña do País Vasco e xa comezara no sindicalismo de novo, era socialista. Foi torturado e neutralizado completamente, ao igual ca meu irmán, que tiña 16 anos daquela. A miña nai, que era unha muller moi valente, tamén padeceu a tortura. E tantos veciños do pobo, cos que tiñamos moi boa relación e que nos apoiaban. Contra certos tópicos, esa foi a razón de que conseguiramos vivir na clandestinidade tantos anos.

Vostede comezou a colaborar coa guerrilla con 14 anos.

Moi novo, si. Exercía de enlace no servizo de información da resistencia republicana. Avisabamos de cando viña a Garda Civil, gardabamos aos escapados. No 1947, con 22 anos, delatáronme e uninme á loita armada, ao grupo de Manuel Girón, que como Luís Trigo, o Gardarríos, foi un dos primeiros que se botaron ao monte, xa no ano 36. Era un bo cazador e escapou con nada máis ca unha escopeta.

O Gardarríos foi asasinado no 1948, un ano despois. Chegou a coñecelo?

Non. Si lembro cando nos enteramos da súa morte. Os compañeiros falaban del como un dos veteranos, dos pioneiros.

Reivindica a guerrilla como un espazo organizado e plural.

A guerrilla organizouse sen a tutela de ningún partido. Había socialistas, comunistas ou anarquistas. A opción política era secundaria, o importante era sobrevivir e facer fronte á ditadura. E tiñamos un contacto permanente coa xente porque a nosa intención era reorganizar a resistencia, erosionar o franquismo. A nosa política era ir de casa en casa, quedarnos un par de días e movernos. Ficar no monte non tiña ningún sentido. Queriamos que o pobo non se desmoralizase, darlle unha alternativa.

A CLANDESTINIDADE

Tamén reivindica o papel das familias que os escondían, e sobre todo das mulleres.

Falo sempre de que houbo unha guerrilla popular, non se trata só dos escapados. En Galicia, León, Asturias, había unha rede de apoio popular ben organizada, con xente cunha integridade terrible. Moi poucas persoas nos traizoaron. Había un compañeirismo e un cariño que é difícil de concebir nestes tempos. As mulleres asumían un rol central, algo que sempre quedou en nebulosa na Historia. Gardaron perseguidos, moitas participaron da loita armada, outras carretaron e gardaron armas. E era algo moi arriscado, dado o ensañamento dos fascistas con elas, porque aos seus ollos debían estar supeditadas aos homes, calar e obedecer.

“as mulleres tiveron un papel esencial e desprezado, e asumían moito risco porque se ensañaban con elas”

Imaxino que catro anos na clandestinidade, en constante ameaza de morte, pasan unha factura física e psíquica.

Si, pero como tantas persoas, eh? Houbo quen viviu anos nun campo de concentración. Nós igual, tiñamos asumido que nos matarían. Nun ou noutro momento. Pero mira, algúns libramos, máis por casualidade que por valentía.

EXILIO

No 1951 asasinaron a Girón e vostede marchou a Francia.

Traizóarono e así conseguiron matalo, porque ían a por el. Tíñanlle moito medo. A xente queríao porque era un bo home, e o mito engrandeceuse porque saíu con vida de varios enfrontamentos, tiña prestixio popular. Foi unha mágoa porque daquela xa pensabamos en marchar a Francia. Alí traballei na metalurxia, na construción ou nunha asociación que axudaba aos migrantes españois.

Volveu a España no 1976. Que expectativas tiña?

Tiña moita ilusión, pero a Transición deixou de lado temas fundamentais. Non houbo unha esixencia por parte da esquerda dunha reparación para as vítimas, despois de 40 anos dunha represión durísima. O silencio é consentimento e é necesario falar das consecuencias que tivo a ditadura. Chelo Rodríguez, do Barco de Valdeorras, segue en Francia, con 98 anos. Mataron á súa familia, destruíronlle a casa. E neste país aínda non recibiu un recoñecemento institucional, esa muller sinte que non ten nada polo que volver.

“tense que destapar o pasado e facer exame. a democracia non é unha palabra, ten que ter contido”

REVISAR O FRANQUISMO

Que lle diría a quenes pensan que investigar a Guerra Civil é reabrir feridas?

Que as feridas seguen abertas e que os rapaces novos non teñen ningunha culpa. E que sobre o odio non se constrúe ningunha sociedade, constrúese sobre o compañerismo. Pero para que non haxa odio tense que zanxar un capítulo da nosa historia. As vítimas, xente que morreu sendo inocente, fusilados, torturados, que está nas cunetas, teñen que ter unha reparación. Tense que destapar o pasado e facer exame, dun xeito crítico. Hai que facer un traballo memorístico e de construción de valores. Debémosllo ás novas xeracións. A democracia non é só unha palabra, ten que ter un contido.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here