A Xunta inicia as obras de rehabilitación do colexio Virxe do Carme

As actuacións, demandadas pola comunidade educativa, afectarán aos tres edificios do centro e terán un orzamento de 860.297 euros

Xuntanza de Balseiro coa comunidade educativa do Ceip Vista Alegre. AXM

A Xunta de Galicia anunciou o inicio das obras de reforma e mellora da eficiencia enerxética no colexio plurilingüe Virxe do Carme, en Burela, que contan cun investimento de 860.297 euros.

Segundo expón a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, os traballos teñen un prazo de execución de tres meses, malia que o groso das obras executaranse este verán, coincidindo coas vacacións escolares, co obxecto de interferir o mínimo posible na actividade ordinaria do centro.

REIVINDICACIÓN DA COMUNIDADE EDUCATIVA

O Ceip Plurilingüe Virxe do Carme de Burela é un colexio que data do ano 1963, nos seus espazos máis antigos. Os reiterados problemas de filtracións de auga provocaron o malestar da comunidade educativa, que advertiu do deterioro do centro e da necesidade dunha mellora integral do mesmo.

Mesmo houbo unha praga dun insecto devorador da couza -abundante nos mobles- que picou a varios profesores.

A situación motivou unha polémica entre o goberno local e o autonómico. A Xunta culpou ao Concello de falta de mantemento do centro, mentres que o executivo local de Burela asegurou que o Virxe do Carme requería dunha obra maior, competencia da Administración galega.

Ante esta situación, a Xunta executou obras de urxencia, que “quedarán completadas coa actuación que hoxe se inicia”, sinalan desde o Goberno autonómico.

INTERVIRASE NOS TRES EDIFICIOS

Os traballos a executar responden á tipoloxía de obra de reforma integral e reforzo da eficiencia enerxética, con melloras previstas nos tres edificios docentes que compoñen o complexo escolar: principal, central e norte.

O edificio principal alberga os despachos, aulas de infantil, cociña e comedor. No central, está emprazada a aula de música, idiomas e a biblioteca. E no edificio norte, máis moderno, están o resto das aulas, patios e ximnasio, o obradoiro de plástica e a sala de caldeiras.

ACTUACIÓNS

A reforma incluirá un novo sistema de illamento térmico nas fachadas (sistema SATE) e na cuberta dos edificios empregando paneis de lá de roca. Tamén procederase ao seu pintado, e ao das aulas e corredores, e á substitución do solado exterior con baldosa de formigón e do interior con linóleo.

Polo que respecta ás fiestras, substituiranse as actuais por unhas novas con aluminio oscilobatente con dobre cristal e cámara de aire intermedia e un vidro acústico e de seguridade. Tamén se cambiarán a totalidade das caixas das ventás e persianas, por modelos de aluminio en color natural e illamento reforzado.

Actuarase no sistema de iluminación, coa substitución completa das luminarias existentes por equipos LED de alta eficiencia enerxética, con regulación e detectores de presenza emprazados estratexicamente nas zonas comúns. Ademais está previsto o subministro e montaxe de falsos teitos, tamén perfectamente illados con lá de roca.

Entre os traballos proxectados inclúese o azulexado en baños en cor branca, de alta resistencia e a renovación completa de varios aseos máis antigos (fontanería, grifería) no edificio infantil e despachos.

Como traballos complementarios inclúese a apertura dun oco no tabique de conserxería (que mellora a visión da entrada do centro), e a instalación dun sistema de apertura automática no acceso principal.

Tamén a substitución do portón principal de ferro por un de aceiro. O acceso peonil da rúa dos Castros disporá de apertura automática desde conserxería. O que se realiza pola rúa das Escolas ampliarase para dar acceso a vehículos de grandes dimisións e camións. Finalmente procederase á inertización do depósito de gasóleo soterrado e á súa substitución por un máis seguro en superficie.

“CUMPRIMOS UN COMPROMISO”

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañado de persoal técnico da Consellería, de membros do equipo directivo do centro e da empresa adxudicataria destes traballos, Construccións Jesús Naray, S. L., visitaron este xoves as instalacións con ocasión da sinatura da acta de inicio das obras.

Balseiro explicou que con esta actuación “a Xunta cumpre o compromiso adquirido coa comunidade escolar deste centro –Anpa, alumnado e profesorado–” e asegurou que ao remate das mesmas docentes e escolares “disporán dunhas instalacións totalmente renovadas, máis confortables, seguras e coas máximas garantías”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here