IniciosociedadeA comisión do Naseiro plántase ante as esixencias da Xunta de afastar...

A comisión do Naseiro plántase ante as esixencias da Xunta de afastar a festa do río

A organización da romería, multada con 6.000 euros polo descenso humorístico do Landro, ten "todo parado" polas peticións do Goberno galego no tocante á protección do cauce

Publicada o

- Advertisement -

“Vouche advertir forasteiro / se non estás sobre aviso / que a imitación do Naseiro / fixo Deus o paraíso”. Os versos de Noriega Varela resumen o que significa para Viveiro a romería do bo xantar. Unha vía de escape da monotonía cotiá que periga, ou alomenos tal e como está concebida, despois de que a comisión de festas se plantase ante as esixencias da Xunta de Galicia no tocante á protección do río Landro, incluído na Rede Natura.

Temos todo parado e a día de hoxe poñémonos no peor. Vémolo inviable”, expón Adrián Casas, responsable do colectivo organizador da cita, que comezou a principios do século pasado como unha festa para os obreiros da empresa Barro-Chavín e que rematou por atraer a boa parte da Mariña Lucense, considerada de Interese Turístico Galego desde 1967.

Unhas 5.000 persoas acampan a finais do mes de agosto na contorna do Landro, nunha festa que acolle a máis de 10.000 asistentes nos seus picos de afluencia. A cercanía ao río e a súa protección motiva cada ano desavinzas entre a comisión e Augas de Galicia, pero este verán a situación enquistouse trala imposición dunha multa pola Consellería de Medio Ambiente.

MULTA POLO DESCENSO HUMORÍSTICO

A sanción alcanza os 6.010 euros, segundo recolleu La Voz de Galicia e confirma o propio Casas. O motivo, a realización do descenso humorístico do Landro, no que os veciños navegan o cauce disfrazados e en todo tipo de embarcacións, nunha zona “propicia para a cría de salmón” e na que se documentou presenza de “mexilón de río en partes do percorrido”.

Segundo Medio Ambiente, o percorrido do descenso humorístico ampliouse nun quilómetro máis do permitido -de 700 metros a 1.775-, observouse o uso “dun ciclomotor modificado a modo de embarcación e botes de fume” e abandoáronseflotadores, elementos plásticos e colchóns“, sen que houbese “persoal de control” nin “barreiras” que acotasen o percorrido.

Desde a comisión sinalan que non teñen capacidade para controlar o comportamento de centos de persoas, algunhas das cales se saltan non só a normativa establecida senón tamén os consellos do propio sentido común. “Nós queremos coidar do río, pero cúlpannos dun delito medioambiental. Consideramos que é un abuso“, sostén.

Casas anuncia que o colectivo organizador alegará a sanción, que se reduciría ata os 3.600 euros de importe de non facelo. “Pero non imos quedar calados”, afirma, para dubidar de que a multa “xurdise da denuncia dunha asociación ecoloxista, como nos dixeron”.

A 15 METROS DO RÍO

Con todo, o principal problema non é o descenso humorístico do Naseiro, que por outra banda “é algo típico e que gusta moito pero que non define a festa”, admite Casas, senón a tradición de acampar na contorna inmediata do río. Despois de “tres ou catro reunións”  entre a comisión e Augas de Galicia para formalizar as autorizacións, e da multa da Consellería de Medio Ambiente, que podería requerir outros permisos, a celebración da festa está no aire.

“O problema é que a festa celébrase nunha zona considerada de fluxo preferente do río. En principio, a esixencia era de manter mesas, tendas e negocios a cinco metros do Landro, pero agora fálasenos de aumentar a distancia a 15 metros“, explica Casas.

O presidente da comisión lamenta que, malia que “cada ano pagamos 3.500 euros nun plan de protección e para evitar inundacións, cada vez son máis e máis duros os requisitos que se nos piden“.

“Queren que nos responsabilicemos de todo e non é posible”, critica Casas, que insiste en que, como asinante dos permisos, non pode garantir ao cento por cento que non haxa vertidos ao río nin tampouco que algún romeiro, pola súa conta e risco, faga unha captación de auga para o seu desfrute.

UBICACIÓN ALTERNATIVA

De ser irresoluble o conflito entre a concepción da festa e os danos medioambientais que poida provocar, cabe unha ubicación alternativa? “Barallamos dúas”, expón o responsable da comisión. “Por un lado, celebrar a romaxe desde o actual aparcamento dos autobuses, máis alá da polbería”, indica.

A outra posibilidade, que Casas entende como “moi prexudicial” para a festa, sería levala a rente da estrada xeral que vai a O Valadouro.

“En calquera destes dous casos teriamos que habilitar de novo os servizos de luz, de sumidoiros“, un investimento que a comisión calcula en máis de 100.000 euros. “Imaxina o que pode gastar en combustible varios xeneradores de electricidade durante cinco días, funcionando as 24 horas”, indica.

FASTÍO

Casas concede que no problema particular do Naseiro reflíctese o cansazo de moitas comisións de festas que traballan durante todo o ano sen ánimo de lucro e teñen cada vez máis dificultades para sacar adiante os festexos ante a dureza da normativa.

“Fomos varias veces a Lugo para tramitar papeis e permisos, levamos catro ou cinco meses traballando, e o que aínda queda. A este paso, non sei quen vai levar as festas”, asegura.

De suspenderse a festa, precisa, habería non só que devolver arredor de 10.000 euros anticipados polos locais comerciais, senón tamén o importe gastado en libros e cartelería. Tamén quedaría pendente o arranxo dos contratos asinados, entre eles, os das orquestras.

XUNTANZA COS VOCEIROS DOS PARTIDOS

O Concello de Viveiro expuxo nun comunicado que o vindeiro martes reunirase coa comisión, e que ten a intención de convocar aos voceiros dos demais partidos políticos da corporación para tratar o problema.

A alcaldesa, a socialista María Loureiro, cre que “o cambio de ubicación” implicaría “a perda da esencia da festa. É bo tomar precaucións, pero as medidas impostas son moi estritas e poden motivar que se deixe de celebrar unha romería centenaria“, salienta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...