Denuncian a falta de tres médicos “en pleno Resurrection” no centro de saúde de Viveiro

O Sergas asegura que a atención urxente está "garantida" ao contar o PAC con tres equipos completos de medicina-enfermería

Centro de saúde de Viveiro. AXM

Profesionais e veciños denunciaron este mércores que o centro de saúde de Viveiro contou na quenda de mañá con tres médicos menos, dado que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non cubriu as ausencias programadas de dous profesionais por vacacións e a falta doutro galeno que tivo que cubrir unha baixa no Vicedo.

Os denunciantes critican que é “o segundo día” que faltan tres profesionais no ambulatorio viveirense, coñecéndose as dúas ausencias por vacacións “desde o pasado mes de abril“.

Así, argumentan que a situación “é de caos” nun momento no que o municipio, cun importante atractivo turísticomultiplica a súa poboación pola chegada de asistentes ao Resurrection Fest.

MÉDICOS E VECIÑOS CRITICAN QUE NON SE SUPLA A FALTA DE TRES GALENOS, UN DELES POR ENFERMIDADE E OUTROS DOUS “POR VACACIÓNS PEDIDAS NO MES DE ABRIL”

O MÉDICO DE BAIXA, CUBERTO “ESTE XOVES”

Desde o Sergas aseguran que se trata “dunha situación puntual” e que o médico de baixa no Vicedo será substituído “este xoves”.

As mesmas fontes admiten que os profesionais de vacacións non serán substituídos por outros profesionais, co que a situación de dous médicos menos na quenda de mañá prolongarase ata o vindeiro venres.

“Neste tipo de casos prolóngase a xornada, xa que non hai médicos suficientes nas listas de contratación”, indica o Sergas.

A Xunta de Galicia engade que no Punto de Atención Continuada (PAC) de Viveiro hai arestora “tres equipos completos de medicina-enfermería” cando “normalmente hai dous”, polo que a “atención urxente está reforzada”.

HOSPITAL DA MARIÑA

O pasado mércores, a CIG denunciou que na tarde do pasado luns a unidade de hospitalización de cirurxía do Hospital Público da Mariña quedou cunha soa auxiliar de enfermería para atender a 18 pacientes, dous deles en situación de illamento.

Esa situación, advirten desde o sindicato nacionalista, “provocou este martes incidentes asistenciais e protestas dos familiares“, o que xerou “máis presión sobre os profesionais para que fagan máis con menos”.

A CIG ANUNCIA QUE O PASADO LUNS UNHA ENFERMEIRA E UNHA AUXILIAR TIVERON QUE ATENDER 19 PACIENTES INGRESADOS EN CIRURXÍA

Na quenda de noite, expón a central, unha enfermeira e unha auxiliar de enfermería víronse “obrigadas a atender aos 19 pacientes ingresados en planta, algúns deles illados, polimedicados e pluripatolóxicos”.

A CIG esixe á Dirección de Enfermería que “cumpra cos compromisos acadados e que reforce o persoal cando o número de pacientes sexa maior de 15”.

1 COMMENT

  1. As urxencias garantidas de 15 a 8, horario do PAC.
    E durante as mañás, agardar mais dunha hora pola cita que tiña ca médica.
    Os citados mais as urxencias non caben no mismo saco.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here