Foz aclara que se poderá comer no Prado de Ramos, aínda que non dispoñer toldos nin tendas

O PP asegura que "hai outros lugares" no litoral habilitados para merendas e pregunta se se vai volver "ao modelo de turismo de Rivera"

Zona de Prado de Ramos, ao pé da Rapadoira. AXM

O Concello de Foz aclarou este xoves que permitirá comer ou merendar no Prado de Ramos, o xardín ubicado na contorna da praia da Rapadoira, pero non dispoñer toldos nin tendas de campaña.

O anuncio, este mesmo xoves, por parte do executivo local de que permitiría o uso de cadeiras, toallas ou parasois no campo, como unha prolongación do areal, motivou as críticas do Partido Popular (PP), que asegurou que no anterior mandato, de goberno conservador, “xa se podía sentar á sombra e utilizar o xardín como lugar de esparcemento. Suxerir iso é descoñecer a realidade do municipio”, expón o líder dos populares focegos, Javier Castiñeira.

O ex alcalde de Foz salienta que o que prohibiu o anterior goberno “foron as comidas” fóra das mesas de formigón, xa que, argumenta Castiñeira, “o céspede non é o sitio para facelo”.

O concelleiro do PP lembra que se gastaron “miles de euros de fondos públicos para habilitar outras zonas de merenda, como as hai en Fazouro, Llas ou Peizás, por exemplo”.

Castiñeira pregúntase “se se vai volver a un modelo de turismo dos anos 80 e 90” que “é o que mantivo (o ex alcalde socialista) José María García Rivera“, e insta ao rexedor, Fran Cajoto (PSdeG-PSOE), a aclarar “que vai cambiar” e “que sancións vai impoñer”.

O edil popular criticou a actitude do alcalde, dado que, resalta, “afeoume que un rexedor non debía dar citas e sabemos que xa as está a dar el”. Tamén censura que presentase “como un logro seu un panel de información meteorolóxica que o anterior executivo pediu hai varios meses”.

CAJOTO QUERE HABILITAR MÁIS MESAS

Cajoto explica que se permitirá aos usuarios desfrutar de comidas ou merendas no xardín con “cadeiras e mesas de praia, parasois ou toallas, pero non con mobiliario fixo, toldos ou parapetos ou acampar na zona”.

“Non imos limitar a posibilidade de que os usuarios coman ou merenden desfrutando desa zona de árbores dentro dun sentido común e un respecto pola contorna”, expón o rexedor, que aspira a “habilitar máis mesas para comer” das que hai dispostas na contorna, e nas que si se permitía merendar.

POR AGORA, SEN ORDENANZA

No tocante á regulación destas actividades, Cajoto sinala que “non dá tempo” a preparar e aprobar unha ordenanza para este verán que contemple o regulamento e as sancións en caso de incumprimentos.

Deste xeito, sinala que ata que se aprobe unha nova normativa confiará na “cordura e responsabilidade dos usuarios para respectar a contorna. A Policía Local vixilará de que se cumpra o que pedimos”, sostén.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here