IniciosociedadeO percebe, recurso marisqueiro e turístico para Xove

O percebe, recurso marisqueiro e turístico para Xove

Unha vintena de familias do concello viven da extracción do crustáceo que se enxalza o vindeiro sábado nunha festa gastronómica con centenares de visitantes

Publicada o

- Advertisement -

Por oitavo ano consecutivo, o vindeiro sábado, Xove organiza a Festa do Percebe coa que enxalza un dos seus reclamos gastronómicos e turísticos. A costa xovense reúne as condicións propicias para este crustáceo que medra adherido ás rochas golpeadas por augas batidas e revoltas pola oleaxe.

O DESPEGUE, HAI 30 ANOS

“O percebe supón o sustento dunha vintena de familias, tanto de pescadores de baixura que se dedican tamén ao polbo como de mariscadoras a pé. É un produto de extraordinaria calidade, recoñecido nos mercados”, explica o alcalde Demetrio Salgueiro.

“Non foi sempre así. A súa comercialización comezou hai uns trinta anos, antes íase ao percebe pero non tiña esa saída”, recorda o rexedor, neto de mariscadora.

A capacidade de convocatoria da festa gastronómica, na que edición tras edición se esgotan as racións á venda, dá conta do prestixio adquirido por este marisco, entre os máis cotizados nas lonxas e apreciados nas mesas.

400 QUILOS A 15 EUROS POR RACIÓN

“Creo que as claves do éxito son a data na que se celebra, con moitos turistas na zona, e o prezo das racións. Na festa hai moitas persoas do concello pero sobre todo tamén moita xente de fóra que aproveita a ocasión para probar os percebes a un prezo ao que non se atopan habitualmente”, explica Salgueiro.

Este ano cocerán 400 quilos de percebe que se venderán a quince euros por ración. A festa supón un dos picos de consumo do crustáceo que se extrae en Xove, a maioría comercializado a través da lonxa de Burela.

Segundo os datos da Consellería do Mar, no que vai de ano, a rula burelá vendeu a maioristas 1.300 quilos de percebe a un prezo medio de 27,35 euros.

‘XOVE MIRANDO AO MAR’

A Festa do Percebe comezou como unha iniciativa da Confraría de Pescadores de San Cibrao, que logo continuou da man da asociación A Medorra, coa colaboración do Concello.

“Nos dous últimos anos, incluímola nun programa máis ambicioso, Xove Mirando ao Mar, que inclúe outras iniciativas para dar a coñecer produtos pesqueiros e recursos turísticos vinculados ao mar como a Festa do Polbo da Pedra, as Xornadas Gastronómicas -que se veñen organizando en outubro-, a posta en valor da tradición baleeira do porto de Morás ou as visitas guiadas á illa de Ansarón“.

EXTRACCIÓN ARRISCADA

Precisamente, os vindeiros sábado e domingo retómanse esas visitas pola costa, que permiten aos navegantes “ver en primeira persoa e poñerse ao mesmo nivel” que os homes e mulleres que traballan na extracción do produto nas zonas de mar máis bravo.

“Un dos obxectivos que nos propuxemos ao poñer en marcha o proxecto é que os visitantes vexan a gran dificultade que ten este traballo e a cantidade de produto que hai. Asi, enténdese o seu valor e o prezo que alcanza nos mercado”, relata Diego Vázquez, educador ambiental que exerce como guía nas visitas, coordinadas por Emarela e operadas por Maremasma.

“Ademais dos riscos que corren en zonas con mar bravo, o seu traballo non se limita a extracción sen máis. Teñen que devolver os individuos que teñen menos de catro centímetros, como marca o plan de xestión de recursos polo que se guía o sector. Tamén é unha forma de sensibilizar contra o furtivismo“, sinala.

“Polo que vimos noutras visitas, é unha experiencia que interesa tanto a turistas como a xente da comarca. En xeral son persoas interesadas en coñecer en profundidade a zona“, explica.

HORARIOS DAS VISITAS

As visitas, dunha hora e media de duración, están previstas para sábado 20 ás 16.00, 17.30 e 19.00 horas, e o domingo 21 ás 10.00, 11.30 e 13.00.

Son gratuítas aínda que é necesario reservar praza a través da web do proxecto e pagar unha fianza de 30 euros, que se devolverá unha vez finalizada.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...