IniciosociedadeO PP de Foz pide non municipalizar o servizo de augas e...

O PP de Foz pide non municipalizar o servizo de augas e o Concello di que o pensará

Os conservadores afirman que unha xestión pública sería "máis cara" e que o goberno carece de medios para asumila, mentres que o alcalde quere "analizar a conciencia" o informe de Etipsa

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Foz valorará se municipalizar o servizo de augas, saneamento e depuración ou sacalo a concurso. Así o afirmou o alcalde, o socialista Fran Cajoto, que por agora non se define sobre este aspecto despois de que o PP focego presentase unha moción para debater no vindeiro pleno ordinario solicitándolle ao executivo municipal que retome o proceso de concesión adiado polo goberno conservador.

O voceiro do Partido Popular, Javier Castiñeira, lembra que o anterior executivo levou no pasado mes de abril unha proposta para aprobar os pregos do concurso para a concesión do servizo de auga potable, saneamento e depuración redactado por Eptisa, “e a oposición deixouna enriba da mesa coa excusa de que a nova corporación municipal era a que tiña que decidir sobre a xestión”.

Castiñeira expón que deste xeito “retrasouse un expediente que leva desde decembro de 2017 coa necesidade de ser renovado”.

O voceiro dos populares salienta que “a concesión actual foi outorgada no ano 1992 polo goberno do PP por un período de cinco anos a favor da empresa Gestagua, que leva máis de 25 anos xestionando este servizo por culpa de que os gobernos socialistas prorrogaron dúas veces ese contrato inicial por dez anos sen que mediase concurso algún”.

“MÁIS CARO E INASUMIBLE”

Castiñeira remarca que “os informes de Eptisa” advirten de que a municipalización “encarecería o servizo e acarrearía un problema na xestión directa ao propio Concello que non ten medios materiais e humanos para realizalo nas mínimas condicións”.

MOCIÓN “PUBLICITARIA”

Cajoto, pola súa banda, asegura que abordará esta cuestión ao remate do verán, pois o Concello está centrado “en atender aos veciños e cuestións que conleva o período estival, como as festas, a afluencia de turistas ou a contratación da brigada contraincendios”.

O alcalde de Foz considera que é cedo para posicionarse sobre este tema. “A partir de setembro esperamos sentar con Augas de Galicia e analizaremos o informe de Etipsa a conciencia”, indica Cajoto, que por agora non descarta ningunha opción. “Queremos tomar a mellor decisión”, asegura.

Ao longo do anterior mandato, os concelleiros do PSdeG-PSOE manifestáronse a prol da municipalización do servizo, aínda que, matiza Cajoto, “no noso programa non había unha proposta específica sobre esta cuestión”.

O rexedor socialista aféalle a Castiñeira a presentación dunha moción que considera “publicitaria”, dado que “non preguntou ao equipo de goberno cal é a situación” e pretende que “o PSOE cumpra nun mes co que eles non foron capaces de sacar adiante en anos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...