IniciosociedadeBarreiros aspira a trazar co empresariado un plan de turismo para o...

Barreiros aspira a trazar co empresariado un plan de turismo para o municipio

O Concello convoca aos sectores hostaleiro e turístico para unha xuntanza coa que quere dar un primeiro paso para elaborar un proxecto conxunto

Publicada o

- Advertisement -

O goberno de Barreiros convocou para o vindeiro martes, 29 de xullo, unha xuntanza aberta co sector hostaleiro e turístico a fin de tratar cuestións de interese e analizar futuras actuacións que se poidan levar a cabo de xeito colaborativo. O encontro celebrarase ás 17.30 horas, no centro sociocultural de San Cosme.

A intención do executivo municipal é que esta reunión supoña un primeiro paso para trazar un plan de turismo que non só mellore a oferta durante o verán, senón que tamén contribúa a desestacionalizar a afluencia a Barreiros e a potenciar os recursos naturais, patrimoniais e gastronómicos do concello.

INFORMACIÓN

O goberno local informará na xuntanza sobre o funcionamento do punto de información turística e doutros servizos municipais ligados á tempada de verán, como o de socorrismo.

A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, expón que o período estival “non se puido abordar con antelación dado que se acaba de conformar o novo executivo municipal”. Con todo, a intención é “emprender unha relación de colaboración e comunicación directa co sector, un piar fundamental a nivel económico para Barreiros”, explica.

O Concello agarda que a xuntanza sirva para que o sector expoña “proxectos e ideas” e tamén “inquedanzas” sobre o turismo en Barreiros, expón a rexedora. 

RECOÑECEMENTO POLAS PRAIAS SEN FUME

Por outra banda, o director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares Rodríguez, entregoulle este luns ao equipo de goberno de Barreiros o diploma de ouro da Rede Galega de Praias sen Fume, por ter declarados sen fume de tabaco todos os seus areais.

O concello barreirense pasa a formar parte así dunha nómina de dez municipios nos que todas as praias están libres de tabaco. Baiona, Corcubión, Rianxo, Barreiros, A Guarda, Noia, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Dumbría e Cabana de Bergantiños son os concellos coa acreditación de Ouro da campaña.

No caso do concello barreirense, sete praias adheríronse ao programa este verán –Arealonga, As Pasadas, Lóngara, Fontela-Valea, Acantilado-Remior, San Bartolo e Altar-; con anterioridade xa formaba parte da rede a de Coto.

A Rede Galega de Praias sen Fume está constituída por un total de 141 areais (29 deles son fluviais) pertencentes a 64 municipios.

CAMPAÑA EDUCATIVA E PREVENTIVA

Segundo a Xunta de Galicia, a campaña naceu cun fin educativo e de sensibilización social, recalcando a importancia da conduta dos adultos ante os máis pequenos. O obxectivo é cambiar a percepción social sobre o tabaco, ao obxecto de converter este entorno en educativo e preventivo.

SEN SANCIÓNS

Nas praias sen fume non se pode fumar na zona do areal, quedando excluídas as zonas ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas. Non existe vixilancia nin sanción para o incumprimento. Trátase así “dunha elección voluntaria e persoal” seleccionar unha praia sen fume como lugar de ocio, e polo tanto o seu cumprimento “é unha responsabilidade persoal, conseguindo así a participación activa da sociedade”, asegura a Xunta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...